A Xunta destina preto de 6,4 M€ neste 2023 para as campañas de saneamento gandeiro e outras medidas sanitarias

Neste marco inclúese a execución e seguimento de programas de prevención, loita, erradicación e control de enfermidades animais
 

Compleméntanse estas accións coa limpeza e desinfección das explotacións gandeiras que realizan baleiros sanitarios, dos vehículos de transporte de animais e cos labores de apoio aos veterinarios oficiais, así como co servizo da Oficina Agraria Móbil
 

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2023

A Xunta destina preto de 6,4 millóns de euros neste ano 2023 para as campañas de saneamento gandeiro e outras medidas sanitarias que benefician o sector e que desenvolve a Consellería do Medio Rural co obxectivo de manter a boa cualificación sanitaria das explotacións gandeiras da nosa comunidade.

Esta cifra destinarase á execución e seguimento dos programas de prevención, loita, erradicación e control de enfermidades animais. Tamén abarca o desenvolvemento de accións necesarias para a ordenación, fomento e control da produción e sanidade gandeiras e a xestión e correcta explotación dos rexistros e sistemas de control de datos informáticos derivados destas actuacións.
 

Neste marco inclúense outras accións complementarias, como a limpeza e desinfección das explotacións gandeiras que realicen baleiros sanitarios, dos vehículos de transporte de gando nos centros dependentes da Consellería e os labores de apoio aos servizos veterinarios oficiais que sexan necesarios no caso de alertas sanitarias.

 Comercialización

A este respecto, resulta fundamental o mantemento da cualificación sanitaria das explotacións galegas, xa que impedirá que exista calquera tipo de traba á comercialización de animais e produtos e permite rebaixar as actuacións sanitarias. Ademais, o mantemento do noso alto status sanitario reduce as perdas das explotacións por custos directos e indirectos das enfermidades dos animais, favorecendo as posibilidades de exportación a países terceiros, cada vez máis esixentes en relación ás condicións sanitarias. Seguindo esta liña, desde novembro de 2021 Galicia foi declarada rexión libre de tuberculose. A consecución do estatuto de Galicia como rexión libre de tuberculose reforza a situación sanitaria da nosa Comunidade, tras ser declarada en anos anteriores como rexión libre de brucelose bovina, ovina e cabrúa.

A maiores, é importante salientar a especial sensibilidade dos gandeiros e gandeiras de Galicia na mellora da sanidade animal. O seu continuo esforzo permite que as explotacións da comunidade presenten un estado sanitario do máis alto nivel, moi superior ao doutras rexións do Estado e mesmo doutros países europeos.
 
Neste senso, é clave tamén manter a atención ás persoas gandeiras naquelas zonas afastadas das oficinas agrarias comarcais, especialmente en áreas de montaña, potenciando un servizo de Oficina Agraria Móbil que achegue a asistencia da Consellería do Medio Rural aos cidadáns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/01/2023