A Xunta e o Concello de Chantada estudarán a posibilidade de implementar un polígono agroforestal para gandaría

José González e o alcalde visitaron a posible localización para este novo polígono, que se dedicaría á gandaría de porcino na parroquia de Sabadelle

Lembrou que o seu departamento destina para o ano 2023 un total de 5,9 millóns de euros para o desenvolvemento de instrumentos de recuperación da terra agraria

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2023 

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, para coñecer as principais demandas e necesidades dos veciños deste municipio lugués relativas ao agro. De feito, abordouse a posibilidade de implementar un polígono agroforestal para gandaría de porcino na parroquia de Sabadelle.

Neste senso, José González sinalou que a implantación deste tipo de polígonos -ferramenta que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia- permite poñer en produción grandes áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadou, co paso do tempo, un estado de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha actividade agrícola ou forestal na zona.
 
Así, tras a visita aos posibles terreos do polígono, o conselleiro acordou co alcalde enviar técnicos da Axencia para estudar a viabilidade do mesmo e poder comezar cos traballos o antes posible. Nesa liña, lembrou que o seu departamento destina para o ano 2023 un total de 5,9 millóns de euros para o desenvolvemento de instrumentos de recuperación da terra agraria, un 11 % máis ca en 2022. Deste montante, explicou, uns 4,4 millóns serán para actuacións en polígonos agroforestais e aldeas modelo.
 
Desta forma, o conselleiro indicou que tanto os polígonos como as aldeas e as agrupacións de xestión conxunta resultan claves na loita contra os incendios, xa que promoven a xestión da terra e a ordenación do territorio rural. Por iso, desde a Consellería avógase por un enfoque de paisaxe en mosaico, con descontinuidades que freen o avance dos incendios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/01/2023