A Xunta constata o crecemento dos distintos produtos elaborados con leite en Galicia de cara ao obxectivo de acadar o 75 % de transformación en 2025
Esta é unha das metas que se marca a Estratexia de dinamización do sector lácteo desenvolvida polo Goberno galego en colaboración cos axentes deste eido produtivo
Na liña de acadar este obxectivo, o leite equivalente empregado nas distintas categorías de produtos elaborados en Galicia aumentou de xeito especial na nata, cun incremento de 132.652 toneladas, e no queixo, cunha medra de 93.514 toneladas
No ano 2021 xa se industrializou na nosa comunidade máis do 63 % do leite producido e a transformación do produto incrementouse por riba do 50 % no período 2016-2021, o que supuxo unha suba de máis de 630.000 toneladas transformadas
Galicia consolídase como primeira comunidade produtora de España, sendo ademais no 2021 a décima rexión da Unión Europea, cun crecemento constante que a pode levar a escalar postos dentro da UE
Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2023 A Xunta constata o crecemento dos diferentes produtos elaborados con leite en Galicia de cara ao obxectivo de acadar o 75 % de transformación no horizonte de 2025, que se marca a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego. Así o reflicte o último informe sectorial elaborado polo Observatorio Galego da Cadea Alimentaria.
Primeira comunidade española
No informe recóllese tamén, con datos, a consolidación de Galicia como primeira comunidade produtora de España. Así, constátase que a nosa comunidade foi entre xaneiro e outubro de 2022 a que experimentou un maior volume de entregas de leite (preto de 2,5 millóns de toneladas), que representan o 40,75 % das rexistradas a nivel nacional.