A Xunta promocionará a calidade e versatilidade dos produtos do mar de Galicia mediante catro rutas de ‘foodtrucks’ e foros gastronómicos

A Consellería do Mar porá en marcha estes itinerarios nos que a campaña GALICIA SABE AMAR achegará degustacións a base de produtos certificados das rías galegas a máis de 200 localidades españolas

Nos vindeiros meses levaranse a cabo tamén cinco foros nas catro provincias para enxalzar a oferta gastronómica e hostaleira local e propiciar a creación de sinerxías

Ambas iniciativas enmárcanse nos 11 millóns de euros reservados nos orzamentos de 2023 da Consellería do Mar para incidir na importancia de consumir pescados e mariscos e divulgar o saber facer do complexo mar-industria da comunidade

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2023 A Consellería do Mar porá en marcha este ano varias iniciativas co ánimo de reforzar a súa aposta pola promoción dos produtos pesqueiros da comunidade. Así, dentro dos 11 millóns de euros reservados nos orzamentos de 2023 para a comercialización dos peixes e mariscos galegos e co ánimo de seguir difundindo a campaña GALICIA SABE AMAR, a Xunta realizará catro rutas con foodtrucks que percorrerán distintos concellos de España.

Os tráilers percorrerán máis de 200 localidades, todas elas vencelladas co Camiño de Santiago, e as rutas comezarán en Irún, Pamplona, Sevilla e Valencia para rematar na capital galega. Así, os veciños e turistas de cada cidade ou vila na que recale esta iniciativa poderán degustar unha serie de pinchos elaborados a partir de produtos certificados do mar de Galicia como o Berberecho de Noia, o Mexillón de Galicia, o bonito do norte ou os peixes e mariscos de pescadeRías.

Con esta iniciativa a Consellería do Mar incide na importancia de comer pescados e mariscos e difunde a gran variedade de produtos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición dos consumidores.

Foros gastronómicos

Ademais destas rutas, a Administración autonómica ten previsto organizar nos vindeiros meses cinco foros nas catro provincias galegas con #ACociñaDoMar como fío condutor, co obxectivo de poñer en valor a calidade dos produtos do mar de Galicia así como a gran oferta gastronómica e hostaleira da comunidade.

Estes encontros están pensados para que poidan participar neles profesionais do mar (pescadores, mariscadoras ou confrarías), chefs, investigadores, operadores turísticos, docentes e alumnos, profesionais da saúde, xornalistas especializados, influencers e entidades ou institucións do sector. Todo co obxectivo de crear un espazo de debate para analizar os retos de futuro e crear sinerxías.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 07/01/2023