A Xunta apoia con 19.000 euros a constitución dun programa de voluntariado interxeracional para paliar a soidade dos maiores no concello das Pontes

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, puxo en valor o papel que os voluntarios xuvenís e sénior teñen neste tipo de propostas e defendeu a aposta do Goberno galego “por levar os recursos alí onde as persoas os precisan”
 

O apoio autonómico enmárcase na convocatoria dunha liña de axudas da Consellería de Política Social e Xuventude destinada á execución de proxectos de voluntariado no medio rural vinculada ao programa piloto Talento Interxeracional

 

As Pontes (A Coruña), 7 de xaneiro de 2023

A Xunta de Galicia  financia un programa de voluntariado interxeracional centrado na atención ás persoas do Concello das Pontes a través dunha achega da Consellería de Política Social e Xuventude de 19.000 euros para as anualidades 2022/23.

En base a este proxecto, constituirase un estudo das necesidades que se poden cubrir mediante unha bolsa de emprego ou outra fórmula en relación ao fenómeno da soidade e do illamento, en especial das persoas maiores do municipio.

Deste xeito, a través de xornadas de convivencia, eventos culturais, rutas de sendeirismo, obradoiros de elaboración de receitas tradicionais ou xeración de contidos audiovisuais, ofrecerase aos veciños unha alternativa de tempo libre que lles axude a paliar o illamento social co obxectivo de poñer en marcha un programa ou servizo no municipio que teña continuidade no tempo.

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, destacou o papel determinante que os voluntarios xuvenís e sénior teñen neste tipo de propostas e defendeu a aposta do Goberno galego “por levar os servizos e os recursos alí onde as persoas os precisan, neste caso ao entorno rural”.

O Concello das Pontes é unha das entidades locais galegas beneficiaria desta liña de subvención da Consellería, tamén orientada a asociacións e destinada á elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculada co proxecto piloto Talento Interxeracional.

Esta iniciativa, dirixida a entidades de acción tanto locais como asociativas, céntrase nas zonas do rural galego onde procura fomentar actividades formativas, de intercambio de experiencia e coñecementos nos concellos de menor tamaño vinculados a ámbitos como a nova economía dos coidados, a recuperación de actividades ou oficios, a produción agroalimentaria, a recuperación do patrimonio e o turismo ou ao deseño de modelos dixitais e tecnolóxicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/01/2023