Nava Castro visita as obras de modernización realizadas no Hotel Balneario Augas Santas co apoio da Xunta de Galicia

A directora de Turismo de Galicia visitou as obras realizadas ao abeiro dunha subvención para contribuír á modernización e á mellora da competitividade dos establecementos hostaleiros galegos

Grazas a esta achega, puidéronse acondicionar novos espazos, instalar nova sinalética e ampliar a dixitalización de servizos

Pantón, 5 de xaneiro de 2023 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou hoxe o Hotel Balneario Augas Santas, en Pantón, onde puido ver de primeira man as obras realizadas ao abeiro da subvención outorgada pola Xunta de Galicia a este establecemento para contribuír á súa modernización e á mellora da competitividade, por valor de 56.187,36€, no contexto da influencia da COVID na oferta dos servizos turísticos galegos.

 

Grazas a esta achega, este hotel balneario creou novos espazos para facilitar o fluxo de hóspedes e contribuír ao desenvolvemento do turismo familiar, así como a instalación de nova sinalética e a ampliación da dixitalización nos servizos que ofrece, entre outras melloras previstas na convocatoria de axudas da Xunta.

 

Durante a súa intervención, Nava Castro indicou que este tipo de actuacións contribúen a mellorar a oferta turística galega e a que Galicia siga batendo récords grazas á súa aposta pola  calidade no sector hostaleiro, entre outros factores.

 

“Por isto, manifestou a directora de Turismo de Galicia,  o sector turístico constitúe tamén unha aposta de futuro que está en constante crecemento, que require que nos adaptemos aos novos tempos”.

 
E así, deste xeito, Nava Castro, apuntou a que a Comunidade galega precisa ofrecer unha infraestrutura de aloxamento moderna e de calidade, “que permita aos nosos visitantes gozar do destino ao tempo que poidan dispor de todos os servizos para o seu máximo confort e tranquilidade, por elo agradecemos o traballo incansable que están levando a cabo todas as persoas que participaron en iniciativas tan importantes como a renovación e modernización deste hotel balneario”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/01/2023