A Xunta reforzará a cooperación cos concellos galegos para promover a eficiencia enerxética e o uso das enerxías renovables

A través das convocatorias de subvencións destinadas a entidades locais tramitadas como anticipado de gasto, con 3,5M€ destinados á orde de infraestruturas de uso público e máis de 11M€ ao Fondo de Compensación Ambiental
 

O Goberno galego publicará este ano unha nova orde de 2,6 millóns de euros dirixidos a actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais, cofinanciadas con fondos FEDER
 

As entidades locais contarán tamén con 143,4M€ do Fondo de Cooperación Local, un 14% máis que no pasado exercicio
 

Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2023

  A Xunta reforzará a cooperación cos concellos a través das convocatorias de subvencións destinadas a entidades locais que se están a tramitar como anticipo de gasto, coa previsión de aprobar a súa publicación neste comezo de ano: 3,5 millóns de euros da orde de infraestruturas de uso público e máis de 11 millóns de euros do Fondo de Compensación Ambiental. A maiores, o Goberno galego porá en marcha novas liñas de axudas que contribúan a mellorar o medio ambiente, así como a promover o uso de enerxías renovables e a eficiencia enerxética.

Con esta finalidade vaise publicar unha nova liña de axudas aos concellos, cun orzamento de 2,6 millóns de euros, cofinanciada con fondos europeos FEDER para actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais. Deste xeito, avanzarase no obxectivo a longo prazo de acadar concellos climáticamente neutros.
 
Cómpre lembrar que as entidades locais contan neste exercicio con 143,4 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local (FCL), un 14% máis, con 17,4 millóns adicionais respecto a 2022. Desta contía total, o fondo adicional ten unha dotación de 30,5 millóns, cun incremento histórico dun 135%.
 
O fondo adicional destínase aos servizos de competencia municipal máis demandados polos concellos como as emerxencias, a limpeza de faixas secundarias, a mellora das redes de abastecemento e obras de eficiencia enerxética. Precisamente a traballos de eficiencia enerxética de titularidade municipal en concellos de menos de 15.000 habitantes resérvanse 15,6 millóns de euros.
 

Balance das liñas de axudas en 2022

En 2023, os concellos galegos contan con novas convocatorias da orde de infraestruturas de uso público e do Fondo de Compensación Ambiental. Desde 2009, o importe concedido aos municipios de Galicia ao abeiro destas liñas de axuda ascende a 160,8 millóns de euros. En concreto, máis de 44 millóns de euros en máis de 1.480 proxectos da orde de infraestruturas de uso público como pavimentación, alumeado público, construción de parques infantís ou reforma de instalacións e 116 millóns de euros para 2.500 iniciativas do Fondo de Compensación Ambiental para a realización de obras, dotación de equipamentos e gastos de funcionamento dos servizos de protección do ambiente e do espazo natural.

Só na convocatoria de 2022 adxudicáronse 108 axudas por case 3,5 millóns de euros da orde de infraestruturas de uso público cunha distribución equilibrada entre provincias. Canto á tipoloxía de proxectos destaca a construción ou mellora de edificios ou dependencias municipais con 30 actuacións, xunto con 29 actuacións en parques infantís e 24 relacionadas coa pavimentación de camiños públicos municipais. Outras 18 axudas destináronse a traballos en instalacións deportivas e as 7 restantes a proxectos mixtos de varias tipoloxías.
 
Todas elas contribúen a evitar o despoboamento, mellorar a calidade da prestación dos servizos públicos, prestar apoio ás familias con espazos de lecer infantil e fomentar a práctica deportiva de xeito seguro.
 
No que se refire ó Fondo de Compensación Ambiental, o número total de potenciais beneficiarios das axudas da liña en concorrencia non competitiva ascende a 125. Vai destinada a concellos de Galicia cuxo territorio municipal estea dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico. O ano pasado resultaron beneficiarios 123 concellos entre os que se distribuíron máis de 6 millóns de euros.
 
A outra liña, de natureza competitiva, destínase ao desenvolvemento de proxectos para a optimización enerxética dos edificios, instalacións e vehículos das entidades locais e para a implantación de tecnoloxías máis eficientes e respectuosas co ambiente e de menor consumo enerxético. O ano pasado destináronse 2,5 millóns para 94 actuacións, máis da metade para evitar a degradación ambiental como a instalación de puntos limpos, a dotación de vehículos e equipamento para a recollida de residuos, a recuperación de espazos degradados, proxectos de abastecemento e saneamento, así como medidas de control ambiental.
En total, no período 2010-2022 a Xunta achegou máis de 116 millóns a 2.518 iniciativas encamiñadas ao desenvolvemento sustentable dos municipios. Este fondo tamén contribúe ao obxectivo da Xunta de impulsar a sustentabilidade ambiental no sector público local con medidas de eficiencia enerxética e, ao mesmo tempo, xerar un efecto exemplarizante entre a veciñanza sobre a repercusión do coidado do medio ambiente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/01/2023