A Xunta axuda aos Concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal a financiar os seus servizos sociais municipais cunha achega de 1,1 M€

A delegada territorial, Martina Aneiros, avanzou que estes fondos se canalizan a través do Plan Concertado da Consellería de Política Social e Xuventude

As axudas están dirixidas á contratación de persoal, ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico e ao desenvolvemento de programas de inclusión

Ferrol, 5 de xaneiro de 2023 A Xunta concede aos Concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal máis de 1,1 millóns de euros en axudas para financiar os servizos sociais municipais. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, avanzou que estas achegas económicas fíxanse a través do Plan Concertado deste ano 2022 e están dirixidas á contratación de persoal, ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico e á posta en marcha de programas de inclusión.

A partida máis importante do Plan Concertado nas tres comarcas ascende a 946.000 euros e destínase ao cofinanciamento de ata 57 traballadores sociais, auxiliares administrativos e outras categorías que forman parte do persoal dos servizos sociais comunitarios dos Concellos.

O Plan Concertado se destina tamén a apoiar ás corporacións municipais no desenvolvemento de programas de inclusión e o mantemento de centros de emerxencia social para o que se reservou unha partida de 188.237 euros este 2022.

Ademais, a través deste plan a Xunta renova o seu financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico, ao que destina 53.233 euros no caso dos municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

En cómputos globais, a Xunta concedeu aos Concellos galegos preto de 16 millóns de euros en axudas para financiar os servizos sociais municipais a través do Plan Concertado. Deses, 12,9 destinaranse ao confinanciamento de 764 traballadores persoal dos servizos sociais, 2,1 millóns de euros para o desenvolvemento de programas de inclusión e mantemento de centros de emerxencia social e 865.000 euros para financiar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico.

Data de actualización: 05/01/2023