O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, acompañado polo delegado territorial, visitou hoxe en Boborás un dos montes beneficiarios destas subvencións

A provincia de Ourense aglutina a metade dos máis de 10 M€ concedidos pola Xunta en 2022 para o fomento da silvicultura activa

Este territorio acumula máis de 5,1 millóns de euros da última convocatoria, o que supón o 50 % do total das achegas para o conxunto de Galicia, que superaron os 10,2 millóns de euros

En toda a comunidade autónoma, foron máis de 400 os expedientes aprobados, que permitirán actuar en máis de 5.600 hectáreas
 

Boborás (Ourense), 4 de xaneiro de 2023 Ourense aglutina a metade dos máis de 10 millóns de euros concedidos pola Xunta en 2022 para o fomento da silvicultura activa. Así, esta provincia acumula máis de 5,1 millóns de euros, é dicir, o 50 % do total destas achegas, na súa última convocatoria, que supera os 10,2 millóns de euros. Estes datos foron destacados hoxe polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, na súa visita aos montes de Tras da Costa, no concello de Boborás, propiedade da comunidade veciñal en man común de Antasportas, A Vesada, As Costiñas, Feás e O Curro, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Esta comunidade, conformada por 87 comuneiros, foi beneficiaria destas achegas nos anos 2021 e 2022, por un importe de máis de 48.000 euros, dos cales máis de 33.000 euros están xa executados. Os traballos polos que recibiu a axuda consistiron basicamente en rozas, podas e triturado, picado e extracción de restos. O terreo dos montes de Tras da Costa é de xestión pública e está ordenado e certificado co selo PEFC, algo que tamén puxo en valor o director xeral.

Nesta visita, José Luis Chan resaltou ademais o feito de que a provincia ourensá representa arredor da metade da superficie de actuación de toda Galicia, ao abeiro das últimas axudas de silvicultura. Desta forma, das 5.654 hectáreas nas que se traballará en toda a comunidade autónoma, un total de 2.718 ha corresponden a Ourense. Canto ao número de expedientes, no conxunto de Galicia foron 407 os aprobados, dos cales 145 se rexistran na provincia de Ourense, é dicir, preto do 36 % do total galego, segundo remarcou Chan, quen tamén trasladou que a resolución destas achegas sairá publicada proximamente no Diario Oficial de Galicia.

Canto á repartición no resto de provincias galegas, na da Coruña aprobáronse 43 expedientes para traballar en 501 hectáreas, cun importe de case 1 millón de euros; na de Lugo foron 102 expedientes para 1.150 hectáreas, cun importe de máis de 2 millóns de euros e Pontevedra contou con 117 expedientes para 1.285 hectáreas e un importe de case 2,2 millóns de euros.

Aposta da Xunta

Na visita, o director xeral salientou que estas axudas amosan a aposta decidida da Consellería do Medio Rural pola silvicultura activa, adaptativa (e por tanto resiliente) e de proximidade. Deste xeito, a mobilización dos recursos endóxenos consolídase como unha política pública irrenunciable nun contexto de descarbonización, onde o principio de “quilómetro 0” na obtención de recursos naturais sustentables de alto valor engadido basea un dos principais obxectivos acordados polo Pacto Verde no contexto da Unión Europea, en liña tamén con diferentes eixos da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, “Cara á neutralidade carbónica”.

Estas axudas, tal e como explicou José Luis Chan, van destinadas sobre todo a comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén son perceptores as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas, agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal (Sofor) e propietarios particulares de xeito individual. Ademais, déuselle prioridade á xestión forestal sustentable, e así aqueles montes ordenados baixo sistemas de certificación forestal obtiveron a máxima puntuación.

As achegas están bianualizadas e practicamente a totalidade da contía concedida (sobre o 90%) correspóndese co primeiro semestre de 2023. Deste xeito, a Consellería adiántase e asegura unha necesaria continuidade na actividade das brigadas de traballos forestais. Cabe lembrar que segundo os datos da Asociación de Empresas Forestais de Galicia (Asemfo), a execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas supón a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo, polo que esta concesión de axudas públicas reforza o compromiso en políticas de emprego activo no sector forestal galego.

O obxectivo desta axuda pública enmárcase no fomento dunha “nova arquitectura verde” a prol da sustentabilidade, da prevención, da multifuncionalidade e da posta en valor dos montes co fin de que constitúan o cerne dun sector forestal que se consolida definitivamente como unha actividade rural que identifica Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/01/2023