A Xunta pon en valor en Pontevedra o programa transfronteirizo Emprendemakers no que participan once proxectos empresariais galegos

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, coñeceu hoxe a iniciativa Dooroti, unha ferramenta de xestión intelixente de prazas de garaxe, que está a recibir asesoramento no marco do plan impulsado pola Eurorrexión

Pontevedra, 3 de xaneiro de 2023

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, puxo hoxe en valor en Pontevedra o programa transfronteirizo Emprendemakers que está a permitir que se dinamice a iniciativa empresarial en Galicia e o norte de Portugal. A actuación posibilita que once proxectos empresariais reciban asesoramento e mentoring, como é o caso do proxecto Dooroti da empresa Evourbe, unha ferramenta de xestión intelixente de prazas de garaxe.

Ardao coñeceu o proxecto deseñado integramente en Galicia que permite ás persoas propietarias dunha praza poñela a disposición da cidadanía co obxectivo de ofrecer unha solución sostible ao problema de atopar estacionamento nos centros urbanos. A empresa está a recibir, en concreto, asesoramento para a captación de financiamento e para a posta en marcha do seu plan de expansión a través de Emprendemakers, financiado con fondos do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (Poctep).

Emprendemakers segue a filosofía maker coa que os emprendedores aprenden a través do que fan, sobre todo en eidos que implican colaboración e tecnoloxía.

Coa iniciativa, que tamén permitiu identificar 26 centros de innovación tecnolóxica e creativa en Galicia e o norte de Portugal para poñer os seus recursos a disposición dos novos makers, búscase potenciar a transferencia de coñecementos, especializacións e procedementos para dar lugar a sinerxías que favorezan a creación de empresas innovadoras impulsadas pola mocidade.

Tras máis de dous anos de proxecto, o programa Emprendemakers, que está a piques de rematar, supuxo, en palabras de Ardao, o inicio e impulso da Xunta cara o movemento maker, como unha fórmula máis para emprender, para crear empresas, e, polo tanto, para xerar máis emprego en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/01/2023