A ocupación hoteleira en Galicia segue a bater récords e por primeira vez son superados os 12 millóns de noites de xaneiro a novembro

A Comunidade galega, con preto de 6,3 millóns de visitantes aloxados en establecementos turísticos, rexistra os mellores datos da serie histórica

Galicia mellora en 8 puntos a media do conxunto de España no que atinxe á recuperación da demanda turística no acumulado do ano

No mes de novembro acadáronse tamén por primeira vez preto de 300.000 viaxeiros aloxados e 570.000 noites
 

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2023

Nos primeiros once meses deste ano, Galicia rexistra preto de 6,3 millóns de viaxeiros aloxados e máis de 12 millóns de noites no conxunto dos establecementos de aloxamento, segundo os datos de ocupación do INE – hoteis, pensións, apartamentos turísticos, cámpings, turismo rural e albergues-, o que supón as cifras máis elevadas da serie histórica deste rexistro.  

Con estes datos, Galicia supera nun 41% os rexistros do mesmo período do pasado ano para situarse novamente por riba do nivel previo á pandemia, cun incremento do 3,0% no nivel dos primeiros once meses de 2019. 

Galicia presenta unha porcentaxe de recuperación do 95% neste período de once meses e volve situarse nunha posición alta canto á recuperación da súa demanda turística, mellorando en oito puntos a distancia respecto da media do conxunto do Estado.  

Neste período, todas as tipoloxías superan con creces os niveis de demanda do pasado ano. Os datos acumulados ata novembro reflicten que o 72% da demanda corresponde ao segmento hoteleiro, mentres que o 28% restante fica no aloxamento extrahoteleiro. 

Por outra parte, os primeiros once meses do ano o 75% da demanda corresponde ao turismo de ámbito nacional –que engloba ao interno e ao que procede das restantes comunidades autónomas- mentres que o 25% restante é internacional. Ambos segmentos superan de forma notable as cifras do pasado ano, nun 23% o nacional e en máis do dobre o internacional. 

Ocupación por provincias

Por provincias, nos 11 primeiros meses do ano, rexístrase un comportamento positivo da demanda turística nas catro provincias galegas, con incrementos que roldan o 30% en Lugo, Ourense e Pontevedra, e superan o 40% e A Coruña. 

Polo que respecta ao mes de novembro, a nivel global rexistráronse neste mes preto de 300.000 viaxeiros aloxados e 570.000, cifras que colocan a Galicia en máximos da serie histórica. 

Nunca antes a nosa comunidade conseguira achegarse aos 300.000 viaxeiros aloxados e superar as 550.000 noites neste undécimo mes do ano, no conxunto da oferta de aloxamento rexistrada polo INE.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/01/2023