A Xunta publica no DOG a aprobación da información pública do novo treito de 7,5 km da autovía Santiago-A Estrada, entre a Ramallosa e O Rollo

O DOG tamén recolle a aprobación definitiva do proxecto de trazado do 1º subtreito entre A Ramallosa e Pontevea (AC-241), que suporá un investimento de máis de 33M€

A Xunta prevé iniciar en xaneiro as expropiacións necesarias para este 1º subtreito, licitar as obras ao longo do 1º trimestre do ano e comezalas a finais de 2023

O novo trazado, de máis de 3,5 km, consta de dous enlaces, un consistente na adecuación do existente na Ramallosa coa AC-841 e outro de nova construción, sobre a estrada AC-241, situado ao final do treito

As obras inclúen 6 estruturas: o viaduto en Santa Lucía; os dous pasos superiores, un no enlace da Ramallosa e outro no enlace coa AC-241; e os tres pasos inferiores

De forma paralela, a Xunta seguirá traballando no proxecto construtivo do 2º subtreito entre Pontevea e O Rollo, que constará dun orzamento de 34,4 M€

O Goberno galego destinará un orzamento global de máis de 65 M€ á prolongación da autovía AG-59, reducindo a 10 minutos o tempo de percorrido entre A Estrada e Santiago e sen pagar peaxes
 

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2023

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a  aprobación do expediente de información pública dun novo treito da autovía Santiago-A Estrada. Trátase de 7,5 novos quilómetros desta autovía autonómica libre de peaxe entre A Ramallosa (Teo) e o enlace coa PO-841, no Rollo (A Estrada). 

No seguinte enlace ao DOG pódese consultar esta resolución, que tamén recolle a aprobación definitiva do proxecto de trazado do primeiro subtreito entre A Ramallosa e Pontevea(AC-241): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230103/AnuncioG0181-121222-0001_gl.html  

Este primeiro subtreito contará cun investimento que superará os 33 M€, incluíndo o pagamento dos 291 predios necesarios para impulsar estas obras.

A Xunta prevé iniciar en xaneiro as expropiacións do primeiro subtreito e licitar as obras ao longo do 1º trimestre do ano co fin de comezalas a finais de 2023 e desenvolvelas nun prazo de 20 meses. 

De forma paralela, seguirase traballando no proxecto construtivo do segundo subtreito entre Pontevea e O Rollo, que constará dun orzamento de 34,4 M€.

Esta intervención, no seu conxunto, permitirá reducir a 10 minutos os tempos de viaxe entre Santiago de Compostela e A Estrada, tras un investimento global de máis de 65 millóns de euros.

Características do 1º subtreito

O novo trazado discorre de norte a sur, cunha lixeira orientación cara ao oeste e paralelo á estrada AC-841, atravesando o municipio de Teo.

 A súa lonxitude é de algo máis de 3,5 quilómetros, con dous enlaces, un consistente na adecuación do actualmente existente na Ramallosa coa estrada AC-841 e outro de nova construción, sobre a estrada AC-241, situado ao final do treito.
 
Redeséñase o enlace existente na Ramallosa que une a AG-59 coa estrada AC-841, que constará dun ramal dirección Santiago e un de saída á AC-841. O novo enlace que se construirá na AC-241 constará dunha vía de acceso á AG-59 en sentido Santiago e un de saída, que termina nunha glorieta de 20 metros de radio sobre a AC-241.
 
As obras previstas inclúen 6 estruturas de nova construción: o viaduto en Santa Lucía; os dous pasos superiores, un no enlace da Ramallosa e outro no enlace coa AC-241; e os tres pasos inferiores.
 

Cómpre lembrar que o proxecto de trazado someteuse a información pública e consulta das administracións afectadas e conta con declaración de impacto ambiental favorable.

 

 

Data de actualización: 03/01/2023