A Xunta destinará este ano 7 M€ en apoio á actividade de entidades deportivas da comunidade
Os convenios que se asinarán coas 59 federacións da comunidade suporán unha achega de 5M€, a cifra máis elevada
Para o desenvolvemento da actividade de clubs, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado de Galicia investiranse 2M€ en axudas, a mesma contía que no pasado exercicio
A Xunta destinará neste ano 7 millóns de euros para o funcionamento das entidades deportivas da comunidade. Por unha parte, 2 millóns de euros en axudas ao desenvolvemento da actividade de clubs, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos deportivos. A esta contía engádense os 5 millóns de euros que o Goberno galego reservará para a formalización de convenios con 59 federacións deportivas, co obxectivo de que estas entidades poidan levar a cabo a totalidade das súas funcións e actuacións.
O ano pasado máis dun milleiro de entidades foron beneficiadas destas subvencións, a maioría, da primeira das liñas. A segunda delas vai dirixida aos seis centros NADE da comunidade, unha figura xurdida en 2020 pola que se regula o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base de Galicia e que ten por finalidade a preparación técnico-deportiva orientada ao alto nivel ou ao alto rendemento deportivo.
Cómpre lembrar ademais que a Xunta continuará a inculcar á cativada desde idades temperás a importancia do deporte e dunha vida activa e saudable co programa Xogade (Xogos Deportivos Galegos en Idade Escolar) e co Plan Corresponsables, que sumaron case 130.000 participantes nas súas edicións deste 2022.
O Goberno galego xa está a traballar nas novas convocatorias con 180.000 euros no caso do programa Xogade e de 3,5 millóns de euros previstos para o Plan Corresponsables. Cómpre lembrar tamén que para cubrir o seguro dos participantes do programa Xogade, a Xunta aprobou a póliza ata 2024 por 4,3 millóns de euros.