Os clubs de lectura dos colexios e institutos galegos acadan un terzo dos premios concedidos en toda España
Os clubs de lectura das bibliotecas escolares galegas acadaron oito dos 24 premios nacionais que o Ministerio de Educación outorga a este tipo de agrupacións, é dicir un terzo do total.
Trátase, precisamente, dunha das principais apostas en programas educativos da Xunta de Galicia, que se reforzou en 2022 coa aprobación da terceira fase do Plan Lectura, Información e Aprendizaxe (LÍA) de bibliotecas escolares, a folla de ruta que guía as actuacións do Goberno galego nesta materia ata 2025 e cuxo orzamento é de aproximadamente 17M€, un incremento de máis do 20% ca na fase anterior. O obxectivo é dotar aos centros educativos de bibliotecas acordes ás necesidades do século XXI, avanzando tamén na inclusión.
Boas Prácticas
Cómpre salientar tamén que dous colexios galegos, o CEIP Torre Illa (A Illa de Arousa) e o CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro) resultaron tamén premiados no Concurso Nacional de Boas Prácticas. Deste xeito, o Ministerio de Educación y FP recoñece o labor de ambos os centros polo seu desenvolvemento de proxectos que contribúen á mellora da calidade educativa.