A Xunta concedeu 92.500 Tarxetas Benvida para axudar ás familias polo nacemento dun bebé

Os orzamentos de 2023 recollen un investimento de 31,5 M€ para seguir apoiando ás familias nos gastos básicos polo nacemento dun fillo

Desde a súa posta en marcha no ano 2016 tense investido un total de 196 M€

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2023

A Xunta de Galicia concedeu 92.500 Tarxetas Benvida para axudar ás familias polo nacemento dun bebé. O Goberno galego impulsa desde o ano 2016 este importante apoio cuxo obxectivo principal é atender os gastos que supón ampliar a familia como a compra de alimentos infantís, cueiros, roupa, berces ou produtos de hixiene ou farmacia.

Con carácter xeral, a contía da axuda que reciben as familias a través deste programa é de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida do fillo. Esta duplícase no caso das familias numerosas e increméntase un 25 % no caso daquelas que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes. Así mesmo, a axuda pode estenderse ata os catro anos de vida do neno naqueles fogares especialmente vulnerables.

A Xunta investirá 31,5 millóns de euros para que as nenas e nenos nacidos no ano 2023 teñan acceso á Tarxeta Benvida, unha axuda que acada un orzamento acumulado de 196 millóns de euros, incluída esta nova convocatoria. Estímase que oito de cada 10 familias galegas están en condicións de recibir a Tarxeta Benvida.

A Tarxeta Benvida forma parte das medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para apoiar ás familias, tales como: a gratuidade das escolas infantís, as casas niño, ou o bono coidado para a contratación dun servizo extraordinario de conciliación.

Data de actualización: 01/01/2023