A Xunta incrementará as prazas do programa Benestar en Balnearios despois do éxito da edición deste ano, na que se cubriron o 100 % das ofertadas

Un total de 637 persoas maiores de 60 anos desfrutaron dos beneficios dos tratamentos termais en 15 establecementos situados nas catro provincias galegas

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2022

A Xunta de Galicia ampliará o número de prazas do programa Benestar en Balnearios tras o éxito que tivo a edición celebrada este ano, que contou coa participación dun total de 637 persoas maiores que cubriron o 100 % das ofertadas. A través desta iniciativa, o Goberno galego promociona hábitos de vida saudables desde a idade adulta, a participación activa, os coidados e as relacións sociais para evitar posibles situacións de illamento ou de soidade non desexada.

Esta proposta recuperouse neste ano 2022 logo de tres exercicios de parón obrigados pola pandemia da covid-19. A esta edición destináronse preto de 140.000 euros, o que supuxo un incremento do 24 % sobre a última convocatoria. Benestar en Balnearios desenvolveuse en 15 establecementos situados nas catro provincias galegas, con 37 quendas que tiveron lugar entre o pasado o 1 de novembro ata o 17 de decembro.

As persoas inscritas nesta iniciativa, todas elas maiores de 60 anos, tiveron a oportunidade de pasar dez días en réxime de pensión completa desfrutando de tratamentos termais. Ademais, tiveron seguimentos médicos e unha ampla oferta de actividades de animación sociocultural para completar unha grata estadía.

Xuntos polo Nadal

O programa Benestar en Balnearios forma parte das propostas que o Goberno galego impulsa para favorecer un envellecemento activo e saudable. Estre estas iniciativas destaca Xuntos polo Nadal, que se está a celebrar nas Residencias de Tempo Libre de Panxón e O Carballiño, onde máis de 300 persoas maiores que non teñen con quen pasar estas datas tan sinaladas desfrutan de compañía e actividades de lecer.

Data de actualización: 01/01/2023