Así o avanzou o conselleiro de Sanidade no marco do II Congreso galego de resultados de saúde en Oncoloxía, que se celebra en Santo Estevo de Ribas de Sil

Gómez Caamaño avanza que a detección e o tratamento do cancro serán a prioridade da futura Oficina Técnica de Resultados en Saúde

A análise dos datos oncolóxicos posibilitará optimizar o deseño de tratamentos específicos para cada paciente

Pon en valor as diferentes ferramentas coas que conta a Xunta para actuar de forma preventiva na detección precoz e na diagnose dos diferentes cancros

Destaca o salto de calidade que representará para os tratamentos oncolóxicos o novo Centro de Produción de Terapias Avanzadas e o futuro Centro de Protonterapia

Nogueira de Ramuín (Ourense), 25 de outubro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe que a detección e o tratamento de cancro serán a prioridade da futura Oficina Técnica de Resultados en Saúde na que está a traballar a Xunta. 

Así o adiantou no marco do II Congreso galego de resultados de saúde en Oncoloxía, que durante as xornadas de hoxe e mañá se desenvolve en Santo Estevo de Riba de Sil, no municipio de Nogueira de Ramuín. No acto tamén participaron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba.

Gómez Caamaño destacou que o traballo que desenvolverá este ente permitirá reforzar un modelo asistencial preventivo e personalizado, o que posibilitará a optimización de tratamentos específicos para cada paciente.

“Temos por diante o gran desafío de ser capaces de medir con exactitude os datos, para avaliar con axilidade e decidir dunha maneira máis informada”, salientou, en relación ás novas oportunidades que presenta o ámbito da investigación oncolóxica.

Nesta liña, incidiu na relevancia de contar co Rexistro Galego de Tumores (REGAT) ou cun programa de cribados pobacionais de cérvix, mama e colorrectal, completamente consolidados, e con novas pilotaxes e ampliacións, como é o caso do cribado do cancro de pulmón ou o de próstata.

O titular da carteira sanitaria da Xunta tamén puxo en valor a creación do Comité molecular de tumores, o novo órgano que asesorará ao Servizo Galego de Saúde e que prestará apoio na toma de decisións clínicas que deriven da interpretación de achados moleculares complexos nos pacientes.

Ademais do labor que realiza o Executivo galego nos ámbitos da prevención e a diagnose oncolóxica, tamén se traballa no relativo aos tratamentos. Neste sentido puxo en valor o salto cualitativo que significa o Centro de Produción de Terapias Avanzadas CAR-T e o futuro Centro de Protonterapia de Galicia, no que a comunidade será pioneira.

Gómez Caamaño convidou aos especialistas asistentes á xornada a seguir traballando para “mellorar a precisión e a velocidade na detección” dos diferentes cancros, agradecendo a organización deste tipo de congresos nos que compartir o coñecemento e as experiencias que derivan da actividade clínica e das diferentes investigacións oncolóxicas.

Data de actualización: 25/10/2024