O xerente do Servizo Galego de Saúde remarca a aposta por mellorar a calidade de vida dos pacientes grazas a tratamentos individualizados da dor

Vigo, 25 de outubro de 2024

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, reiterou esta tarde o compromiso da sanidade pública coa mellora da calidade de vida dos pacientes a través de tratamentos individualizados da dor.

Así o trasladou durante a inauguración da reunión anual da Sociedade Galega da dor e coidados paliativos (Sgador), na sede Afundación de Vigo.

O xerente do Sergas lembrou que a Estratexia galega de seguridade e calidade asistencial 2024-2028 contempla entre as súas actuacións a implantación de unidades multidisciplinares de afrontamento activo, baseadas en educación e movemento para pacientes con dor crónica primaria.

“É importante que entre todos sigamos traballando para ofrecer unha atención integral encamiñada a aliviar a dor e a mellorar a calidade de vida dos nosos pacientes. Que sigamos traballando para proporcionar un tratamento da dor individualizado e adaptado ás necesidades e circunstancias de cada persoa”, resumiu José Ramón Parada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2024