O conselleiro de Sanidade, acompañado do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, inaugurou esta tarde a IV Xornada de Investigación Biomédica

Gómez Caamaño aposta por impulsar a investigación sanitaria relacionada co envellecemento da poboación e o reforzo da atención primaria

O titular da carteira sanitaria remarca que a investigación biomédica é fundamental á hora de xerar recursos para o sistema, ademais de incrementar a capacitación e motivación dos profesionais e mellorar o benestar da poboación

Pon en valor o desenvolvemento tecnolóxico ao servizo da investigación, cos sistemas avanzados de intelixencia artificial e o big data, así como a xeneralización do seu uso no diagnóstico xenético

Ourense, 25 de outubro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, aposta por impulsar a investigación biomédica e reforzar a atención primaria para buscar respostas eficaces á hora de facer fronte ao enorme reto sanitario que supón o envellecemento sanitario da poboación galega.

O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde, acompañado do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, inaugurou a IV Xornada de Investigación Biomédica desta área.

O conselleiro remarcou que a investigación biomédica é fundamental, posto que xera recursos para o propio sistema, ademais de incrementar a capacitación e motivación dos profesionais e, o que é máis importante, ten un impacto directo no benestar da poboación.

Tal e como sinalou Gómez Caamaño, a investigación en Galicia é un patrimonio conxunto do ecosistema sanitario e das universidades galegas, e acceder a ela é un dereito pero, tamén, unha responsabilidade de todos que hai que afrontala sen perder de vista o obxectivo final de trasladar, de xeito áxil e eficaz, os resultados da investigación á práctica sanitaria.

Sinalou que estamos a vivir nun tempo de avances disruptivos que “requiren dunha maior conexión entre a asistencia sanitaria e o ecosistema de I+D+i”. Ao respecto, para facilitar esta conexión, Gómez Caamaño puxo en valor que en Galicia se están a dar pasos adiante co desenvolvemento tecnolóxico, a compra pública innovadora e sistemas avanzados como a intelixencia artificial, o big data e a xeneralización do diagnóstico xenético. Polo tanto, estas ferramentas están a posibilitar a transformación da relación cos pacientes e a conexión entre investigación e práctica clínica.

Para concluír a súa intervención no acto, Gómez Caamaño resaltou a importancia deste tipo de xornadas, onde se presentan resultados e proxectos en curso, e onde se fomenta a investigación multicéntrica e traslacional. Tamén destacou o papel fundamental de impulso e soporte que supón a colaboración da Universidade de Vigo e a Fundación Pública Galega Biomédica Galicia Sur.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2024