María José Gómez enxalza a feira "L de Lugo" como un escaparate gastronómico para os produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada

A titular da Consellería asistiu hoxe á cuarta edición deste evento, onde coñeceu o expositor da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e foi partícipe dalgunhas das actividades programadas para poñer en valor os produtos agroalimentarios

A primeira xornada deste evento conta con varias catas-degustación de diferentes produtos artesáns, así como unha cata dos viños tintos e brancos premiados na Cata dos Viños de Galicia 2024 e da cata dos Queixos de 2023 (última celebrada)

O domingo 28 os asistentes poderán gozar dunha degustación de embutidos artesáns, queixos galegos con denominación de orixe protexida e augardentes e licores tradicionais

Lugo, 27 de outubro de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu hoxe á feira “L de Lugo” que se está a celebrar os días 27 e 28 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos da capital lucense. A titular do departamento salientou a importancia deste evento, que como lembrou, comezou sendo un encontro de distribuidores locais e “pouco a pouco” foise convertendo nun escaparate gastronómico de referencia para toda a provincia e que reivindica o seu potencial turístico a través dos produtos de calidade diferenciada.

No seu percorrido polo recinto, a conselleira puido coñecer o expositor de deseño propio de 60 metros cadrados da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, que ten presenza na cuarta edición deste evento. Alí, María José Gómez foi partícipe dalgunhas das actividades programadas pola Axencia, ás que definiu como “fundamentais e dinámicas” para poñer en valor e dar a coñecer as producións agroalimentarias galegas amparadas por un selo de calidade diferenciada. O stand inclúe tamén unha aula de catas para un máximo de 20 persoas.

A primeira xornada de “L de Lugo” conta con varias catas-degustación de diferentes produtos artesáns, como aceites, xeados, queixos e cervexa; así como unha cata dos viños tintos e brancos premiados na Cata dos Viños de Galicia 2024 e da cata dos Queixos de 2023 (última celebrada).

O último día da feira, o 28 de outubro, os asistentes poderán gozar dunha degustación de embutidos artesáns, queixos galegos con denominación de orixe protexida e augardentes e licores tradicionais. A maiores, haberá unha demostración de cociña centrada na elaboración de pratos a base de carne da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega acompañados por produtos hortícolas con selo de calidade ou co distintivo do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2024