A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria inaugurou esta tarde no Hospital Lucus Augusti de Lugo o X Congreso da Sociedade Galega de Nefroloxía

A Consellería de Sanidade sinala a enfermidade renal crónica como un dos grandes desafíos do sistema ante o envellecemento da poboación

A responsable da Consellería de Sanidade salienta a prevalencia das enfermidades vinculadas ao ril na poboación con máis de 64 anos

Durante as xornadas de hoxe e mañá, especialistas en Nefroloxía analizarán diferentes estratexias, terapias e novos tratamentos vencellados ao coidado das enfermidades renais

Lugo, 25 de outubro de 2024

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, inaugurou esta tarde o X Congreso da Sociedade Galega de Nefroloxía, que se desenvolve no Hospital Universitario Lucus Augusti. Durante o acto puxo en valor o labor que desempeñan os profesionais dos servizos de Nefroloxía no coidado dos pacientes galegos con enfermidades renais crónicas.

Durante as xornadas de hoxe e mañá, o centro hospitalario lugués acolle a expertos nefrólogos que abordarán as últimas novidades nos diferentes ámbitos desta especialidade clínica, como é o caso dos procesos de hemodiálise, a aférese terapéutica ou a análise de resultados vinculados aos transplantes de ril.

A responsable sanitaria salientou que as enfermidades renais representan, na actualidade, un dos retos máis importantes que afronta o sistema sanitario galego pois, a súa incidencia aumenta progresivamente co envellecemento da poboación e dá lugar ao incremento de patoloxías crónicas vencelladas ao ril.

Segundo apuntou López Linares, diversos estudos sobre prevalencia da insuficiencia renal crónica en España reflicten que o 10% da poboación maior de 20 anos padece algún grao de enfermidade renal crónica (ERC), un dato que, no caso de pacientes maiores de 64 anos, ascende ata o 21,4%.

Acompañada polo presidente da Sociedade Española de Nefroloxía, Emilio Sánchez, e polo presidente da Sociedade Galega de Nefroloxía, Jesús Calviño, a directora xeral da Consellería de Sanidade felicitou ao comité organizador deste Congreso pola calidade do seu programa científico. Nas súas sesións, prestixiosos especialistas afondarán nas estratexias, nas terapias e nos novos tratamentos vencellados ao coidado das enfermidades renais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2024