A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, clausurou este mediodía o VII Galician Offshore International Hub

Lorenzana pide ao Goberno diálogo, celeridade e coherencia para o despregamento da eólica mariña en Galicia

“O único camiño para o despregamento de todas as renovables e de toda a eólica offshore pasa polo diálogo, e se non o facemos con diálogo e implantando no territorio as enerxías con sentido común e falando cos sectores non o imos conseguir”, di

Reproba a “lentitude” coa que o Ministerio para Transición Ecolóxica está xestionando a implantación desta tecnoloxía por non ser coherente coa previsión de chegar a desenvolver en España 3GW de eólica offshore

Considera imprescindible o desenvolvemento da eólica mariña para avanzar no autoabastecemento enerxético da comunidade e para que Recursos de Galicia poida garantir maior cantidade de enerxía barata ás empresas e particulares

Ferrol, 25 de outubro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, defendeu hoxe que, no sector da eólica mariña, Galicia ten unha capacidade extraordinaria a nivel de recurso e loxística, polo que pediu ao Goberno central máis diálogo, celeridade e coherencia na súas previsións para impulsar o despregamento desta tecnoloxía en España.

Durante a súa intervención na clausura do VII Galician Offshore International Hub, onde estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, Lorenzana manifestou que “o único camiño para o despregamento de todas as renovables e de toda a eólica offshore pasa polo diálogo, e se non o facemos con diálogo e implantando no territorio as enerxías con sentido común e falando cos sectores non o imos conseguir”.

Lorenzana aludía, así, ás alegacións presentadas por Galicia ao Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovables ubicadas no mar, aprobado definitivamente polo Goberno central o pasado mes de setembro. “Temos que conseguir que as compensacións aos sectores e, sobre todo, o peso dos criterios non económicos na avaliación dos proxectos sexa máis relevante do que é agora mesmo no real decreto que temos sobre a mesa. Igual que temos que conseguir que as zonas onde se instalen os proxectos teñan o menor impacto posible desde o punto de vista medioambiental e económico para o sector pesqueiro que traballa nestas zonas”, subliñou.

A conselleira reprobou a “lentitude” coa que o Ministerio para Transición Ecolóxica está xestionando a implantación desta tecnoloxía por non ser coherente coa previsión de chegar a desenvolver en España 3GW de eólica offshore, tal e como se recolle na modificación do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC).

Na mesma liña, considerou imprescindible o desenvolvemento da eólica offshore para avanzar no autoabastecemento enerxético de Galicia e para que Recursos de Galicia, un dos vehículos da Lei Recursos Naturais, poida garantir maior cantidade de enerxía barata ás empresas e particulares.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2024