O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP visita a actividade que se realiza nos Peares en quendas dunha semana de duración entre outubro e decembro

Un total de 1.250 alumnos benefícianse este outono dos campamentos de inglés da Xunta con apoio de profesorado nativo e gratuítos para as familias

Román Rodríguez destaca a importancia da DigitalWeek para mellorar competencias fundamentais para o futuro como son dixitais e de coñecemento de idiomas

Esta semana participan na estadía alumnos de Boiro, Melide, San Amaro, Moaña, Meaño, Redondela e Vigo

Esta acción engádese á Springweek e as estadías lingüísticas no estranxeiro do verán que desenvolve o Goberno galego

Carballedo (Lugo), 25 de outubro de 2024

Un total de 1.250 alumnos de toda Galicia participan este outono nos campamentos de inglés Dixitalweek da Xunta de Galicia, que son totalmente de balde para as familias. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, puxo en valor este tipo de iniciativas para achegar, desde unha perspectiva práctica, aos rapaces a dúas das habilidades que máis van necesitar para o seu futuro: as competencias dixitais e as de comunicación en linguas estranxeiras.

Acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe aos alumnos que están participando na estadía, unha acción dirixida a rapaces de 6º de Primaria e os catro cursos da ESO que se desenvolve en quendas dunha semana de duración entre outubro e decembro e que conta co apoio de profesorado nativo en inglés.

O titular do departamento educativo da Xunta puxo en valor este tipo de iniciativas para achegar, desde unha perspectiva práctica, aos rapaces a dúas das habilidades que máis van necesitar para o seu futuro: as competencias dixitais e as de comunicación en linguas estranxeiras.

Tal e como explicou o conselleiro, estas estadías enmárcanse en dúas das principais follas de ruta en materia educativa da Xunta, a Estratexia galega de linguas estranxeiras, Edulingüe2030, e a Estratexia para a Educación Dixital 2030. “Traballamos en políticas educativas que favorezan a igualdade de oportunidades no acceso a este tipo de experiencias, cuxo custo asume a Xunta de Galicia, coa finalidade de mellorar as competencias fundamentais para o desenvolvemento do alumnado”, afirmou o conselleiro.

Actividades prácticas

Esta semana gozan da estadía 94 alumnos de 6º de Primaria de sete centros educativos, en concreto dos colexios CEIP Plurilingüe Praia Xardín (Boiro), CEIP de Melide Nº 1 (Melide), CEIP Plurilingüe Lansbricae (San Amaro), CEIP Plurilingüe de Tirán (Moaña), CEIP de Coirón-Dena (Meaño), CEIP Plurilingüe da Igrexa-Chapela (Redondela) e CEIP Plurilingüe Paraixal (Vigo).

Durante a estadía, os rapaces participan en tres obradoiros diarios, en horario de mañá e de tarde, con actividades de robótica, deseño e impresión 3D, así como elaboración e deseño de páxinas web. Todos os obradoiros desenvólvense en lingua inglesa e de xeito maioritariamente práctico.

O alumnado comparte talleres cos outros centros educativos o que garante, ademais, a socialización entre o alumnado nesta lingua estranxeira.

QUENDA

DATAS

CURSO

1ª quenda

6-12 outubro 2024

6ºEP

2ª quenda

13-19 outubro 2024

6º EP

3ª quenda

20 – 26 outubro 2024

6º EP

4ª quenda

27 outubro- 2 novembro 2024

1º de ESO

5ª quenda

3 – 9 novembro 2024

2º de ESO

6ª quenda

10 – 16 de novembro 2024

3º de ESO

7ª quenda

17 – 23 novembro 2024

4º de ESO

8ª quenda

24 - 30 novembro 2024

3ºe 4º  de ESO

9ª quenda

1 – 7 decembro 2024

1º e 2º de ESO

10ª quenda

8 – 14 decembro 2024

6º de  EP

Tres estadías ao curso

Desenvolvida no outono, a Digitalweek é a primeira das estadías para a mellora das competencias lingüísticas que o departamento educativo da Xunta vai organizar ao longo deste curso 2024/2025. A Springweek, tamén co apoio de docente nativos e para alumnos de 6º de Primaria e os catro cursos da ESO, chegará na primavera, centrada en temáticas de interese cultural, social, artístico e ambiental.

Finalmente, a Consellería convoca todos os anos as estadías lingüísticas do verán, para alumnado de Bacharelato, nas que o Goberno galego subvenciona entre o 92% e o 62% do custo das estancias dos estudantes en Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal e Alemaña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2024