Profesionais da Consellería de Sanidade, recoñecidos coa Cruz Branca da Orde do Mérito do Plan nacional sobre drogas

O traballo de Silvia Suárez Luque e Jaime Fraga na Dirección Xeral de Saúde Pública foi recoñecido polo Ministerio de Sanidade

Na súa traxectoria destacan iniciativas como a redacción do anteproxecto de Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas adictivas ou o Plan Inspira Saúde

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2024

Os profesionais da Consellería de Sanidade, Silvia Suárez Luque e Jaime Fraga, foron recoñecidos polo Ministerio de Sanidade coa Cruz Branca da Orde do mérito do Plan nacional sobre drogas.

O galardón, tal e como se recolle no Boletín Oficial do Estado, valora méritos de extraordinaria relevancia de Silvia Suárez Luque como subdirectora xeral de Estilos de vida saudables e de Jaime Fraga como xefe de servizo de Prevención de Condutas Adictivas, dependentes da Dirección Xeral de Saúde Pública.

En concreto, o equipo que encabezan Suárez Luque e Fraga liderou a redacción do anteproxecto de lei de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas adictivas que a Xunta está a tramitar para ser pioneiros en España ao equiparar os vapeadores ao tabaco ou prohibir o consumo de bebidas enerxéticas por menores.

Ademais, elaboraron e implantaron o Plan Inspira Saúde, que busca acadar unha xuventude libre de fume e desnormalizar o consumo de tabaco na poboación xeral, ademais de tomar medidas na detección precoz das principais enfermidades asociadas ao consumo de tabaco.

Outro dos fitos relevantes dos profesionais de Saúde Pública foi a organización en Galicia de diversas edicións do Congreso Internacional sobre prevención, tratamento e control do cannabis e os seus derivados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2024