Román Rodríguez felicita á comunidade educativa do Colexio de Ponte Carreira, en Frades, polo seu 50 aniversario

Este centro leva cinco décadas “funcionando como punto de encontro entre xeracións e familias, onde a formación académica e persoal van da man”, destaca

Frades (A Coruña), 26 de outubro de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, felicitou hoxe á comunidade educativa co Colexio CPI de Ponte Carreira polo 50 aniversario dun centro “que leva cinco décadas funcionando como punto de encontro entre xeracións e familias, onde a formación académica e persoal van da man”, destacou.

Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia puxo en valor a integración do colexio no tecido social do municipio, así como a súa evolución para adaptarse aos novos retos educativos que van xurdindo. “Desexo que o CPI de Ponte  Carreira manteña a gran traxectoria que ven construíndo durante todo este tempo, ao servizo das necesidades dos alumnos, sen renunciar á súa aposta pola innovación educativa, pola inclusión e pola sustentabilidade”, dixo.

A celebración do 50 aniversario do centro contou coa participación de membros e exmembros do equipo directivo e docente, alumnos e familias, moitas delas tamén exalumnos do colexio. Ademais dunha visita guiada ás instalacións, a conmemoración completouse cunha festa infantil e música en directo, entre outras actividades.

Data de actualización: 26/10/2024