A Xunta destaca o potencial das empresas galegas para diversificar as súas capacidades e aproveitar as oportunidades que ofrece a industria da defensa

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participou hoxe en Vigo na reunión do Consello Asesor do Clúster da Industria da Defensa (CID)

Vigo, 25 de outubro de 2024

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, destacou hoxe o potencial das empresas galegas para diversificar as súas capacidades e aproveitar as amplas oportunidades de acceso a proxectos e financiamento que ofrece a industria da defensa.

A directora xeral participou na III Reunión do Consello Asesor do Clúster da Industria de Defensa, que se celebrou en Vigo, onde se abordaron os retos da industria da defensa nun escenario de incerteza e o papel do informe elaborado polo economista Mario Draghi a petición da Comisión Europea.

Ardao puxo en valor que Galicia conta con actores relevantes da industria da defensa e que ademais foi quen de atraer á rexión a líderes do sector. A isto, sinalou, engádese que a Comunidade é pioneira no desenvolvemento de tecnoloxías disruptivas con sistemas non tripulados, “o que nos sitúa nunha posición privilexiada para optar a aplicar as solucións desenvolvidas no mercado da industria da seguridade e a defensa”.

Explicou, ademais, que en Galicia, sectores como o do metal, a automoción, o naval, o forestal, o TIC e a loxística, con importante presencia en proxectos da industria da defensa, teñen a consideración de estratéxicos. E engadiu que o compromiso da Xunta cos sistemas non tripulados e coa soberanía tecnolóxica ten xa unha ampla traxectoria e unhas bases sólidas. Referiuse, neste sentido, a que son prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia – RIS3 desde o 2014.

A directora xeral sinalou que o despregamento dunha nova política industrial vinculada co sector da defensa xa é unha realidade, e apuntou a función estratéxica das tecnoloxías duais no obxectivo da Xunta de Galicia de continuar avanzando nesta folla de ruta, ao representar unha oportunidade para que as empresas desenvolvan novas capacidades e diversifiquen os seus mercados, reforzando a posición de Galicia no desenvolvemento da base industrial e tecnolóxica deste sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2024