A Xunta financia con 580.000 euros tres programas integrados de emprego nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal para o curso 2024-2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol informou da resolución da convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración durante unha visita aos alumnos que tomaron parte na última acción formativa do Programa Integrado de Emprego das Pontes, As Somozas e A Capela 2023/2024 

As Pontes (A Coruña), 25 de outubro de 2024

A Xunta de Galicia financia este curso 2024/2025 con 580.000 euros un total de tres Programas Integrados de Emprego (PIE) nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Trátase dos PIE promovidos polo Concello de Ferrol; polo Concello das Pontes, que abrangue tamén como ámbito de actuación os municipios das Somozas e A Capela, e pola Mancomunidade de Concello da Comarca de Ferrol, exclusivo para mulleres.

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, informou desta resolución durante a Xornada Motivación Emprendedora, a última acción desenvolvida no marco do Programa Integrado de Emprego (PIE) do Concello das Pontes, As Somozas e A Capela que a Xunta financiou cunha achega autonómica de 130.680 euros.

Durante a xornada, na que tomaron parte 15 dos 100 alumnos que participaron no PIE, deuse a coñecer o proxecto empresarial de Prometal Tecnología e Innovación SL, firma localizada no polígono de Penapurreira, así como a incubadora de empresas da asociación Seara.

A delegada territorial lembrou que o Programa Integrado de Emprego das Pontes, As Somozas e A Capela estivo dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción laboral das persoas demandantes de emprego con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral  a través de diferentes accións como a que hoxe se levou a cabo, durante un período de 12 meses. 

Ao fío do contido da xornada, Aneiros aproveitou a ocasión para dar a coñecer aos alumnos o Polo de emprendemento de Ferrol, un recurso posto en marcha en 2022 a través do que a Xunta busca impulsar e consolidar proxectos que teñan unha vinculación co seu entorno e nos que as persoas emprendedoras poidan atopar acompañamento personalizado para levar adiante as súas iniciativas aproveitando os recursos locais. 

Lembrou que desde a súa posta en marcha se teñen asesorado máis de 370 proxectos, o 63% deles iniciativa de mulleres, e destacou o alto índice de proxectos orientados a fomentar o proceso de transmisión de negocios en funcionamento por mor da xubilación dos actuais propietarios. Nesta liña, Aneiros lembrou que a Xunta tamén ofrece apoios económicos a través do Bono Remuda, dotado cun orzamento total 1,5 millóns de euros e cuxo prazo de solicitude está aberto ata o 30 de outubro. Os negocios interesados en concorrer a esta convocatoria deben ter o domicilio social e fiscal en Galicia, ademais de estar inscritos na Bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2024