A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García, participou esta mañá na Conferencia Sectorial de Vivenda e Axenda Urbana, que se celebrou de xeito telemático

M. Allegue solicita ao Ministerio de Vivenda axilidade no libramento dos fondos para a convocatoria do Bono Mocidade e maior dotación orzamentaria

A conselleira sinalou que o Goberno está a realizar anuncios, cando os fondos aínda non están á disposición das comunidades, que deberán xestionar a convocatoria, resolución e pagamento destas axudas para o alugueiro por parte dos mozos

A Xunta vén advertindo que o orzamento deste bono para Galicia é insuficiente, pois correspóndenlle 11,4M€, pero ao tratarse de axudas bianuais, a dotación suporía só algo máis de 5M€ anuais, que non cubre nin ao 1% dos posibles beneficiarios 

Subliñou que o obxectivo das comunidades é axilizar a execución destes fondos, pero o proceder do Ministerio dificulta este propósito, ao abordar esta iniciativa xa transcorridos 10 meses do ano 2024

A Coruña, 24 de outubro de 2024

A conselleira M. Allegue solicita ao Ministerio de Vivenda axilidade no libramento dos fondos para a convocatoria do Bono Mocidade e maior dotación orzamentaria. Así o trasladou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas na Conferencia sectorial de Vivenda e Axenda Urbana, que se celebrou de xeito telemático.

María M. Allegue, acompañada do secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García, reiterou a necesidade de que o Goberno axilice o libramento dos fondos ás comunidades autónomas para convocar estas axudas para o alugueiro de vivenda por parte dos mozos.

Fixo fincapé en que o Ministerio de Vivenda está a realizar anuncios cando os fondos aínda non están á disposición dos Gobernos autonómicos, aos que lle corresponderá xestionar a convocatoria, resolución e pagamento das axudas.

Incidiu, tal como vén advertindo a Xunta, que o orzamento previsto para Galicia para este bono é insuficiente, pois á comunidade correspóndenlle 11,4M€, pero ao tratarse de axudas bianuais, a dotación suporía só algo máis de 5M€ cada ano.

Cabe precisar que esta partida non poderá dar cobertura nin ao 1% dos posibles beneficiarios en Galicia, onde hai máis de 360.000 mozos con idade entre 24 e 36 anos.

Subliñou que o obxectivo prioritario das comunidades é axilizar a execución destes fondos, pero o proceder do Ministerio impide avanzar neste propósito, xa que o Goberno comeza a abordar esta medida xa transcorridos 10 meses do ano 2024.

Cómpre recordar tamén que na anterior Conferencia Sectorial o Ministerio recoñeceu a necesidade de introdución de modificacións no Real Decreto polo que se regula a convocatoria por mor das dificultades de xestión que supón ás comunidades. Non obstante, indicouse que se se realizaban estas melloras xa non era posible proceder ao reparto de fondos deste ano 2024, polo que dadas estas circunstancias, Goberno e autonomías acordaron asumir a regulación vixente para esta convocatoria e proceder ás modificacións no 2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2024