A consellería do Medio Rural enxalza a castaña galega cun acto na Casa de Galicia en Madrid

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte,  participou hoxe nun acto de promoción deste produto orientado cara o sector profesional

Madrid, 22 de outubro de 2024

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe nun acto de promoción da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia celebrado na Casa de Galicia en Madrid. Martín Alemparte salientou este tipo de iniciativas que enxalzan os produtos galegos de calidade diferenciada e que os dan a coñecer fóra da nosa comunidade.

A xornada de hoxe, que contou coa participación do chef Miguel Fernández Vidal, estivo centrada na degustación de produtos e elaboración de receitas con castañas asadas. Ademais, o acto estaba especialmente orientado ao sector profesional, como as tendas de alimentación gourmet ou os empresarios da restauración, co fin de dar a coñecer as castañas galegas neste eido.

Este evento, no que tamén estiveron presentes o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis Ramos, e o secretario da IXP Castaña de Galicia, Manuel Vilariño, enmárcase dentro do mes castaña que se está a levar a cabo neste espazo, organizado de xeito conxunto pola Axencia e o consello regulador, co obxectivo de poñer en valor este produto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/10/2024