A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático presentou esta tarde en Vigo o Plan de residuos industriais de Galicia (PRIGA)

A Xunta aplicará as novas tecnoloxías para optimizar o tratamento automatizado dos datos de residuos industriais e afianzar o liderado de Galicia neste eido

Ángeles Vázquez salienta que a Comunidade foi pioneira no país en potenciar o uso de medios electrónicos e automáticos entre produtores e xestores para facilitarlles o cumprimento das súas obrigas sobre o traslado e o tratamento destes refugallos

Resalta as “grandes oportunidades de negocio” que ofrece este sector e avanza axudas a proxectos de I+D para a xestión de residuos emerxentes ligados ás enerxías renovables como pas de aeroxeneradores, baterías eléctricas ou paneis fotovoltaicos

Entre os grandes obxectivos que se fixan no novo PRIGA destaca a redución nun 20% da xeración de lixo industrial no conxunto do territorio ao final desta década

Vigo, 22 de outubro de 2024

A Xunta quere aproveitar as vantaxes e posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para optimizar e seguir avanzando no tratamento automatizado dos datos relacionados coa produción, traslado e xestión dos residuos de orixe industrial, un esforzo co que aspira a manterse á vangarda de España neste eido.

Durante a súa intervención en Vigo na xornada Unidos por unha Galicia sostible, organizada pola Xunta e a Asociación profesional de empresas medioambientales (Aproema) para presentar o novo Plan de residuos industriais de Galicia (PRIGA), a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou o grande esforzo feito no seu día para potenciar o uso de medios electrónicos automáticos por parte tanto das entidades produtoras como das empresas xestoras destes residuos.

Co fin de facilitarlles o cumprimento das súas obrigas legais neste eido —xa que lembrou que unha das particularidades dos refugallos industriais é que o propio produtor se responsabiliza de que o residuo reciba o tratamento correcto e axeitado— a responsable autonómica lembrou que a Xunta foi unha das primeiras administracións autonómicas en poñer á disposición do sector programas e sistemas informáticos, como o SIRGA e a plataforma de información ambiental Gaia, para facilitarlles este labor.

Para seguir por esta liña e afianzar a posición de vangarda que ocupa Galicia, anunciou que proximamente asinará un acordo de cooperación coa Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) para optimizar a comunicación de datos de produción e xestión por parte dos axentes que operan na cadea de valor dos refugallos industriais.

As accións de mellora centraranse na plataforma Gaia, punto de acceso único no que se agrupan os diferentes datos e aplicacións sectoriais existentes en materia ambiental. O obxectivo é que os resultados se empecen a aplicar no primeiro semestre de 2026.

Ante máis de medio cento de empresarios de distintos eidos, Ángeles Vázquez salientou que as exixencias europeas relacionadas coa produción, tratamento e xestión dos residuos e a aparición de novas fraccións emerxentes suporán unha maior demanda de profesionais cualificados e fan prever á vez un crecemento do sector en toda Europa.

Tras lembrar que o sector dos residuos dá traballo directo en Galicia a máis de 7.000 persoas, animou aos representantes do tecido produtivo asistentes a aproveitar as “grandes oportunidades de negocio” que ofrece e o seu alto potencial de crecemento.

Así, referiuse á necesidade de construír instalacións para xestionar residuos emerxentes como, por exemplo, pas de aeroxeneradores eólicos, paneis fotovoltaicos ou baterías de vehículos eléctricos. Neste sentido, Vázquez Mejuto avanzou que entre as liñas de axudas que sacará en 2025 o seu departamento para empresas, haberá subvencións para apoiar proxectos de I+D destinados ao tratamento deste tipo de refugallos industriais.

75 M€ para avanzar na economía circular

Cómpre lembrar que a Xunta aprobou o pasado mes de maio o novo Plan sectorial de xestión de residuos industriais de Galicia como a folla de ruta a seguir no período 2024-2030 co obxectivo de facilitar ao tecido empresarial a implantación dun modelo de economía circular que lle axude a cumprir coas esixencias das normativas comunitarias, estatais e autonómicas en materia de residuos. O obxectivo xeral é reducir nun 20% a xeración dos refugallos industriais na Comunidade de aquí ao final da presente década.

Para avanzar nesta transición, o PRIGA prevé mobilizar un investimento estimado en 75 millóns de euros ata 2030, contía na que se inclúe tanto os fondos que destinará a Xunta —case 21 millóns—, como as achegas dos Sistemas colectivos de responsabilidade ampliada do produtor (SCRAP) —1,4 millóns— e os investimentos privados que podería facer o propio sector industrial galego para cumprir cos obxectivos establecidos.

En todo caso, como indicou a conselleira, “non se parte de cero” xa que no marco do anterior PRIGA se lograron grandes avances como a redución do vertido en liñas xerais —o 84% dos residuos industriais xestionados en Galicia xa se valorizan para obter outros produtos— ou a consecución de todos os obxectivos en materia de residuos agrarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/10/2024