Lete Lasa subliña a importancia da vela de base no Meeting Internacional de Optimist que clausura a XXV Semana do Atlántico

Destaca a aposta da Xunta pola vela entre os máis novos como demostra o Programa Xogade coas actividades dos servizos provinciais na promoción da vela e a iniciativa ‘Xogando coa auga e co vento’

Vigo, 22 de outubro de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do Meeting Internacional de Optimist que clausurará a XXV Semana do Atlántico e que contará con dúas probas, por unha banda o X Trofeo Cidade de Viana do Castelo, do 25 ao 27 de outubro, e, pola outra, o 49º Trofeo Martín Barreiro, que forma parte do circuíto da Excellence Cup de Optimist, do 31 de outubro ao 3 de novembro.

Lete Lasa subliñou a importancia do Optimist, un veleiro de tamaño idóneo para os regatistas máis novos e o único aprobado pola Federación Internacional para menores de 16 anos. Neste sentido, lembrou como en 1970, no primeiro Campionato Galego de Optimist, celebrado en Baiona, dous rapaces de 13 e 11 anos, respectivamente, quedaron campión e subcampión, converténdose, co paso do tempo, en “patrimonio universal da vela galega”. Eles eran os irmáns De la Gándara: José e Javier.

O secretario xeral destacou tamén a aposta da Xunta pola vela entre os máis novos como demostran varias actividades do Programa Xogade. Por unha banda, as actividades dos servizos provinciais na promoción da vela e, pola outra, o ‘Xogando coa auga e co vento’, un achegamento dos escolares ao mar e ao río mediante o bautismo de distintos deportes acuáticos como o surf, o piragüismo, o remo ou a vela. Entre ambas actividades chégase a un total dun milleiro de rapaces e rapazas por tempada.

Lete Lasa destacou o traballo, asemade, do Real Club Náutico de Vigo, “un histórico da vela galega” e tamén no impulso á vela de base e gabou a traxectoria da Semana do Atlántico que cumpre medio século de edicións “enchendo a Ría de Vigo de competicións da mellor vela do mundo en todas as súas categorías”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/10/2024