A Xunta destina máis de 37 M€ en actuacións clave nos concellos da comarca do Deza-Tabeirós cunha aposta histórica polo desenvolvemento das infraestruturas

O delegado territorial, Agustín Reguera, informa das contas para a comarca, que inclúen unha importante partida para a autovía AG-59, así como a ampliación do Polígono Industrial de Lalín ou a construción dun albergue de peregrinos en Dozón

O total dedicado á provincia de Pontevedra supera os 4.077 millóns de euros, o que supón preto de 4.300 euros por habitante

É unha aposta pola modernización e desenvolvemento destas comarcas clave para a provincia de Pontevedra

Pontevedra, 19 de outubro de 2024

A  Xunta de Galicia vén de destinar preto de  máis de 37 M€ para a comarca do Deza-Tabeirós no proxecto de Orzamentos 2025, segundo revelou hoxe o delegado territorial, Agustín Reguera, acompañado polo secretario territorial, Ramón Pereiro, e a directora territorial da consellería de Presidencia, Blanca García-Señoráns.

O delegado lembrou as “múltiples obras e iniciativas” levadas a cabo con éxito durante o presente exercicio e sinalou algunhas das principais actuacións previstas nestes orzamentos.

Entre os principais investimentos que se levarán a cabo na comarca, destacan a Autovía AG-59 que conta cunha achega de 23,13 M€ e que suporá unha importante mellora da conectividade da zona, cun especial impacto no concello da Estrada. Aínda na Estrada, o novo edificio xudicial, conta cunha partida de 1,745 M€. Tamén na Estrada contemplase a rehabilitación total do CEIP Pérez Viondi, con 1 M€.

En Dozón, os orzamentos contemplan 1,2 M€ para a construción do albergue de peregrinos.

No concello de Silleda, as obras de eficiencia enerxética de Semana Verde, contan cunha achega de 1,5 M€ e o polo de emprendemento contará con 120.000 €.

En Lalín, a actuación de maior importe corresponde á ampliación do Polígono, 4,4 M€; tamén se mellorará o edificio de Medio Rural, 2,5 M€; a ampliación do IES Ramón Mª Aller Ulloa, 400.000€; ademais de dúas partidas para a mellora do Camiño de Santiago e o Plan Hurbe con 290.000 € e 260.000 € respectivamente.

Por último, Agolada conta cunha partida de 622.000 euros para a rehabilitación integral do CEIP Plurilíngue.

En total, o investimento en actuacións estratéxicas na comarca do Deza-Tabeirós é de preto de 37 M€.

Cabe destacar que, máis alá dos investimentos nomeados, os orzamentos do ano 2025 contemplan unha gran cantidade de pequenas actuacións, así como a prestación de servizos aos que a cidadanía xa está habituada. Nomeadamente as axudas para o alugamento, os bonos e programas de transportes ou a gratuidade da educación dende os 0 anos ata a titulación universitaria.

O delegado territorial destacou a importancia dos múltiples investimentos en infraestruturas que contemplan estes orzamentos é que son proba da aposta da Xunta “pola modernización e desenvolvemento destas comarcas clave para a provincia de Pontevedra”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/10/2024