A Xunta pon en valor que a Oficina de Retorno xa leva atendido na área de Vigo a preto de 5.000 familias

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou a oficina móbil no Porriño, reafirmando o compromiso da Xunta de Galicia con ofrecer un apoio integral e personalizado ás familias retornadas

O Porriño (Pontevedra), 18 de outubro de 2024

A Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia continúa achegando os seus servizos de apoio ás persoas retornadas a través da súa Oficina Móbil de Atención ás Persoas Emigrantes Retornadas. Este labor compleméntase co desenvolvido en oficinas permanentes como a de Vigo, na que xa recibiron asesoramento 5.000 familias desde 2020. Estes servizos confírmanse como unha ferramenta esencial para facilitar o retorno e a integración dos galegos que deciden regresar á súa terra.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do alcalde do Porriño, Alejandro Alonso, visitou esta mañá a oficina móbil nesta localidade, reafirmando o compromiso da Xunta de Galicia con ofrecer un apoio integral e personalizado ás familias retornadas, independentemente da súa localización xeográfica.

Entre os servizos que se ofrece a través da Oficina Móbil -iniciativa cofinanciada polo Fondo Social Europeo- atópanse o asesoramento sobre programas de apoio ao retorno, ofrecendo información actualizada sobre as diferentes axudas económicas e programas dispoñibles para facilitar a integración en Galicia. Tamén se brinda axuda nos trámites administrativos, prestando apoio na realización de xestións relacionadas coa sanidade, educación, Seguridade Social e outras cuestións importantes para a vida cotiá das persoas retornadas. Ademais, inclúese orientación laboral, proporcionando asesoramento para a busca de emprego en Galicia e guía sobre a validación de títulos acadados no estranxeiro. Por último, ofrece información sobre vivenda e educación, asistindo ás familias retornadas nas opcións de vivenda dispoñibles e nos recursos educativos para fillos.

Dende o inicio do programa, a oficina móbil percorreu os concellos de Galicia, facilitando o acceso a servizos esenciais para aqueles retornados que residen en zonas rurais ou periurbanas. Esta proximidade asegura que todos os galegos e galegas que volven á súa terra teñan a oportunidade de recibir asesoramento e acompañamento para unha reintegración exitosa.

A visita ao Porriño reforza o compromiso da Xunta de Galicia coa poboación retornada, contribuíndo ao crecemento económico, social e demográfico do país, e fortalecendo os lazos entre Galicia e a súa diáspora.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2024