A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou hoxe nas XIX Xornadas Intercambia organizadas polo Instituto de las Mujeres

A Xunta traslada a outras comunidades o impacto dos centros Quérote+ nun encontro con representantes de igualdade e educación

Estes recursos chegaron a algo máis de 84.000 persoas nos últimos catro anos o que converte a Galicia nun referente no tratamento da igualdade e o Bo Trato entre a mocidade

Avilés (Oviedo), 17 de outubro de 2024

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, asistiu ás XIX Jornadas Intercambia 2024 organizadas polo Instituto de las Mujeres en colaboración coa Secretaría de Estado de Educación. Durante este encontro, a directora xeral compartiu co resto de representantes de Igualdade e Educación das Comunidades Autónomas o modelo de éxito e de impacto positivo dos centros Quérote+, como recursos de atención á xuventude cunha perspectiva de xénero e de respecto da diversidade sexual.

O obxectivo das xornadas é establecer un espazo de diálogo entre as comunidades autónomas para compartir materiais e experiencias educativas en materia de Igualdade, educación sexual ou no consentimento. Neste senso, a directora xeral de Promoción da Igualdade, xunto coa coordinadora dos cinco centro Quérote+ que hai en Galicia, Isabel Presas, expuxeron o traballo desenvolvido por estes servizos nos últimos catro anos.

María Quintiana fixo fincapé en que estes recursos son un espazo que busca favorecer a Igualdade entre mulleres e homes, previr a violencia de xénero e promover a educación afectivo-sexual. Así, destacou que un grupo de profesionais está sempre dispoñible para atender, asesorar, informar e acompañar a calquera moza ou mozo que o precise.

Así mesmo, a directora xeral salientou que a meirande parte do traballo que se desenvolve dende estes recursos está orientado á formación con obradoiros en institucións educativas, concellos ou asociación centrados, sobre todo, na sexualidade e o Bo Trato. Deste xeito, as profesionais promoven a participación e concienciación da mocidade.

Desde o ano 2020 estes recursos atenderon case 27.000 consultas e realizaron un total de 2.340 obradoiros, chegando así a máis de 84.000 persoas. Esta actividade permitiu que os centros Quérote+ se convertesen en espazos seguros, amables e de referencia para os mozos e mozas galegos.

María Quintiana destacou que estas xornadas fomentan a unión entre institucións para seguir avanzando na igualdade de xénero, poñendo en común as propostas e coñecendo novos contidos e recursos.

Áreas máis representativas dos Quérote+

As temáticas que máis se traballan a través dos diferentes obradoiros e actividades son a sexualidade e o benestar emocional. Así, dende os centros Quérote+ foméntase a visión crítica da mocidade ante os contidos sexuais negativos, a diversidade sexual e ou a promoción do Bo Trato nas relacións interpersoais para identificar sinais de desigualdade, abuso ou maltrato.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/10/2024