A Xunta impulsa a formación especializada para avanzar na modernización do comercio local e na súa adaptación ás novas tendencias de consumo

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu á formación realizada no Carballiño no marco do programa Adapta local, en colaboración con APE Galicia

Gabriel Alén puxo en valor a importancia deste tipo de accións para impulsar a competitividade do tecido comercial, aproveitando o abano de oportunidades que achegan as novas tecnoloxías

Lembrou que o futuro Plan estratéxico de comercio incluirá medidas para fortalecer o sector, impulsar as prazas de abastos, contribuír á consolidación dos centros comerciais abertos ou reforzar o tecido artesán

O Carballiño (Ourense), 17 de outubro de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu á formación realizada no Carballiño no marco do programa Adapta local, un proxecto piloto que busca adaptar o comercio de proximidade aos cambios de hábitos dos consumidores apostando pola dixitalización e que está promovido pola Xunta de Galicia e pola asociación de autónomos APE Galicia.

Gabriel Alén puxo en valor a importancia deste tipo de accións para impulsar a competitividade do tecido comercial, incentivando o consumo nos negocios locais de Galicia e aproveitando o abano de oportunidades que achegan as novas tecnoloxías. Ademais, lembrou que este é tamén o obxectivo do Plan estratéxico de comercio que se está a elaborar actualmente da man de todos os axentes implicados, co fin de telo listo no primeiro trimestre de 2025, e que contemplará unha batería de medidas para fortalecer o sector, impulsar os mercados e prazas de abastos, contribuír á consolidación dos centros comerciais abertos ou seguir reforzando o tecido artesán.

Combinando a formación presencial e a telemática, o programa de Adapta local pon o foco nas iniciativas innovadoras que potencien a comercialización do produto galego de forma sustentable e competitiva. Entre os contidos que se abordan están os relacionados coa transformación dixital, como a venda online e a xestión das redes sociais. Tamén cuestións que teñen que ver coa atención ao cliente, as tendencias de comercio, as finanzas e xestión de inventarios, a economía circular e o compromiso social. Ademais, tamén contempla mentorización individualizada e personalizada.

Este proxecto piloto, que se está a desenvolver en oito comarcas galegas, xa pasou por Chantada, O Barco de Valdeorras, Viveiro, Verín, Sarria, Ferrol e Tui.

Data de actualización: 17/10/2024