O presidente da Xunta asumiu a presidencia rotatoria da comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal

Rueda reivindica unhas mellores conexións ferroviarias entre Galicia e Portugal e un impulso real á liña de alta velocidade entre ambos territorios

Pide un esforzo especial ao Goberno español, xa que non se están producindo avances en obras ou investimentos nestas infraestruturas

Aposta por seguir fomentando a cooperación noutras materias como a lingüística ou ao redor da figura do traballador transfronteirizo

“Temos unha relación que é un tesouro e que temos que coidar”, indicou

Matosinhos (Portugal), 15 de outubro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe a necesidade de mellorar as conexións ferroviarias entre Galicia e Portugal e dar un impulso real á liña de alta velocidade que unirá ambos territorios. “Ten que ser un obxectivo fundamental porque vai permitir interconectar persoas e mercadorías”, indicou Rueda.

Así o reclamou esta mañá tras asumir a presidencia rotatoria da Comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal, un organismo creado en 1991 para potenciar a colaboración na Eurorrexión. “Temos unha relación que é un tesouro e temos que coidar”, indicou sobre a cooperación entre ambas rexións en diferentes eidos desde hai anos.

Na súa intervención, destacou que a fronteira entre Galicia e Portugal “é a mais permeable, fluída e con máis relación de toda a Unión Europea entre territorios transfronterizos”. Lembrou que conta co maior tránsito de toda a liña divisoria entre España e Portugal, polo que marcou como unha das prioridades da súa presidencia seguir reclamando unha mellora das conexións ferroviarias. 

Nesta liña, destacou o compromiso do Goberno luso con poñer en marcha esta infraestrutura ferroviaria e asegurou que a Xunta vai “presionar e reclamar ao Goberno español” para que tamén “estea a altura”.

Rueda tamén avogou por seguir aproveitando as potencialidades da afinidade lingüística entre galego e portugués –“temos a vantaxe de non ter unha barreira idiomática”, indicou- e por seguir mellorando os dereitos e condicións dos traballadores transfronteirizos co deseño do “estatuto dos traballadores”.

Ademais, a Xunta demanda que as comunidades autónomas e as CCDR teñan representación nos cumios ibéricos que se celebran entre o Goberno español e o portugués. Son as que mellor coñecen as necesidades do territorio e a súa voz debe ser tida en conta, independentemente de que sexan os Estados os que coordinen e controlen as iniciativas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2024