O presidente visitou a parcela onde se construirá esta nova infraestrutura

Rueda pon en valor a capacidade de Galicia de ser líder no sector TIC coa futura posta en marcha dun gran centro de datos en Curtis

Salienta que este tipo de centros “son a industria do futuro” e o que “van demandar cada vez máis as empresas”

Destaca a aposta da Xunta por axilizar os trámites á hora de poñer en marcha un proxecto empresarial, sendo unha “Administración aliada” e que garante o cumprimento da normativa

Curtis (A Coruña), 11 de outubro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe a capacidade de Galicia para ser líder no sector das TIC a través de iniciativas como a posta en marcha do primeiro gran centro de procesamento de datos da comunidade, que se vai instalar no concello coruñés de Curtis.

Durante unha visita a parcela na que se ubicará o Green Data Center -promovido por Ingenostrum e a sociedade Impulsa Galicia-, Rueda salientou que se trata dun proxecto importante para a comunidade, subliñando que este tipo de centros “son a industria do futuro” e o que “van demandar cada vez máis as empresas”.

O presidente fixo fincapé no compromiso da Xunta en apoiar os investimentos empresariais e industriais que son estratéxicos para a economía galega. Nesta liña, lembrou que o Executivo autonómico aposta pola desburocratización e axilizar os trámites. “Calquera empresa que queira vir aquí a Galicia, ou que estea en Galicia e queira apostar, crecer, transformar, ou ampliarse, aquí ten unha Administración aliada”, remarcou Rueda, quen tamén apuntou que, de igual modo, “imos ser moi esixentes, e non poderá ir adiante nada que non cumpra estritamente” coa normativa.

A Administración autonómica ten en marcha a Oficina Económica de Galicia, unha xanela única na que os empresarios teñen resposta en 24 horas cando presentan os seus plans de negocios. Ademais, a Xunta conta cun Plan de aceleración de proxectos industriais para que as iniciativas estratéxicas poidan poñerse en marcha nun prazo máximo dun ano e, desde esta mesma semana, as empresas xa poden solicitar solo industrial a custo cero durante os primeiros oito anos en réxime de dereito de superficie.

Centro de datos

O futuro gran centro de datos que se ubicará en Curtis supón un investimento de 51 millóns de euros e dará emprego a máis de 150 traballadores entre construción e funcionamento. Terá unha capacidade suficiente para almacenar datos das empresas e entidades públicas que o soliciten cun alto nivel de confiabilidade e dispoñibilidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2024