O secretario xeral da Lingua respondeu unha pregunta en comisión parlamentaria sobre asuntos do seu departamento

A Xunta tirará proveito do potencial dos neofalantes e das persoas non nadas en Galicia para incrementar o prestixo e emprego do galego

Valentín García sinala estes dous colectivos como claves do novo Plan de 50 medidas para dinamizar o uso do galego e da campaña ‘Saca a lingua que levas dentro’

Avanza a creación dun espazo de lecer que funcione como un repositorio de contidos musicais e audiovisuais en galego e continuidade do proxecto neofalantes.gal

Salienta a importancia para integración plena na Comunidade e tamén na nosa lingua os 100 cursos que se ofertarán en 2025 para persoas non nadas en Galicia

Santiago de Compostela, 10 de outubro 2024

A Xunta de Galicia centrará nos neofalantes e nas persoas non nadas en Galicia as súas políticas lingüísticas para incrementar o prestixio e o uso do galego, tanto a través do novo Plan de dinamización do galego de cara a 2025, como na campaña de Saca a lingua que levas dentro. Así o deu a coñecer hoxe o secretario xeral da Lingua, Valentín García, en resposta a unha pregunta en materia de lingua na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia.

“Os cambios sociais que está a vivir Galicia supoñen todo un desafío para o futuro da nosa lingua, pero tamén unha valiosa oportunidade”, argumentou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en referencia “ao importante incremento” do número de persoas provenientes doutros países, “que elixen libremente ser galegos de pleno dereito e tamén queremos que elixan libremente falar o noso idioma”, defendeu.

Con este obxectivo, Valentín García explicou que a campaña de dinamización do uso do galego Saca a lingua que levas dentro, presentada este mesma semana terá entre os seus obxectivos “atraer ao noso idioma a estes novos galegos e galegas”. Ademais, tamén os erixiu como un dos colectivos aos que van dirixidos algunhas das iniciativas máis importantes do novo Plan para potenciar o emprego do galego en todos os eidos, entre todas as xeracións e en todos os grupos de poboación de cara a 2025.

100 cursos de lingua e cultura galegas en 2025

Precisamente, entre esas 50 medidas do Plan destacou os máis de cen cursos que se ofertarán o vindeiro ano en lingua e cultura galegas para as persoas provenientes doutro países. Segundo avanzou, para a posta en marcha destes cursos, primeiramente a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude porase en contacto con asociacións e entidades que traballan coa comunidades dos distintos países de procedencia destes colectivos para “artellar unha formación á medida das súas singularidades”.

En canto aos cursos, adiantou que se executarán en dúas modalidades: en liña e presenciais. En ambos dous casos habilitarase un sistema de matriculación previa. Ao respecto, apuntou que esta iniciativa suporá a posta en marcha dun programa con medidas que incluirán a creación de materiais didácticos, cursos formativos e a colaboración con diferentes organismos ou outros departamentos do Goberno galego, como é a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a Consellería de Política Social ou a de Emprego, Comercio e Emigración para o contacto cos colectivos de diferentes países que están a vivir en Galicia.

Aproveitar o “gran tirón e auxe” do neofalantismo

Ademais de intentar incorporar ao noso idioma ás persoas chegadas doutros países, o secretario xeral da Lingua salientou que outro dos “puntos fortes”, tanto do Plan de dinamización do emprego do galego como na campaña Saca a lingua que levas dentro, situarase en aproveitar “o gran tirón e auxe” no emprego do galego co fenómeno do neofalantismo. Para este pulo, anunciou a creación dun espazo de lecer que funcione como un repositorio de contidos musicais e audiovisuais en galego.

Nesta mesma liña, destacou que se está a dar continuidade ao proxecto neofalantes.gal, en marcha xa coa Universidade de Santiago de Compostela para “mostrarlle á xente nova a utilidade de coñecer o galego e potenciar así o seu uso neste colectivo”.

Finalmente, Valentín García indicou que o novo Plan tamén se centrará no aproveitamento das novas tecnoloxías e os espazos dixitais nos que se move a mocidade co fin de dinamizar a lingua galega nesta parte da poboación. Consecuentemente, aclarou que ademais de continuar traballando no Proxecto Nós para impulsar o galego no ámbito da Intelixencia Artificial, avanzarase na creación de novos produtos tecnolóxicos especialmente pensados para o público infantil e xuvenil, “así como na colaboración con creadores de contido que axuden a favorecer a creación de vínculos entre a lingua galega e as xeracións máis novas”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2024