A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse con representantes das asociacións de razas autóctonas da Comunidade

A Xunta defende que a decisión do Goberno central de transferir os fondos do lobo para 2024 lexitima a reclamación de Galicia dos pendentes de 2022 e 2023

Ángeles Vázquez lamenta que ese pago se faga no mes de outubro porque, aínda que eses fondos poidan ser imputables ao 1 de xaneiro deste ano, dificulta a planificación da súa xestión

Reitera a necesidade de revisar o nivel de protección do lobo e de adaptalo á realidade actual en cada territorio co obxectivo de garantir o equilibrio entre a conservación desta especie e a actividade gandeira

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, defendeu hoxe que a decisión do Goberno central de transferir os fondos do lobo para 2024 lexitima a reclamación de Galicia dos pendentes de 2022 e 2023.

Durante unha reunión que mantivo con representantes das asociacións de razas autóctonas da Comunidade, a conselleira puxo en valor que o Executivo central cambiase a súa actitude e informase da transferencia dos 4 millóns de euros que lle corresponden a Galicia segundo o reparto acordado na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente celebrada o pasado mes de xullo. Desa contía xeral, 2,2 millóns de euros destinaranse á implantación de medidas para previr os ataques do lobo e 1,8 millóns de euros para paliar os danos causados.

Con todo, Ángeles Vázquez lamentou que ese pago se faga no mes de outubro porque, aínda que eses fondos poidan ser imputables ao 1 de xaneiro deste ano, dificulta a planificación da súa xestión.

Ademais, logo de incidir en que “na Xunta actuamos baixo unha previsión e non improvisamos”, Ángeles Vázquez engadiu que ese cambio de parecer por parte do Goberno central lexitima a reclamación de Galicia de recibir os fondos pendentes dos anos 2022 e 2023, que suman 8 millóns de euros.

Cómpre lembrar que en 2022 o reparto foi inxusto con Galicia por non apoiar a estratexia nacional para a xestión e conservación do lobo, polo que a Xunta interpuxo un recurso contencioso-administrativo que aínda non se resolveu, e no ano 2023 non se chegou a facer esa distribución dos fondos entre as comunidades por problemas internos do Executivo central.

Segundo dixo a conselleira, este comportamento errático do Executivo central contrasta co firme compromiso do Goberno galego de garantir a convivencia entre a actividade gandeira e a protección do lobo. Galicia destinou entre 2016 e 2023 case 8,4 millóns de euros a previr e paliar os ataques desta especie e no ano 2024 convocou distintas liñas de axudas por máis de 2,5 millóns de euros.

Estado de conservación da especie

A maiores, Ángeles Vázquez reiterou a necesidade de revisar o nivel de protección do lobo e de adaptalo á realidade actual en cada territorio co obxectivo de garantir o equilibrio entre a conservación desta especie e a actividade gandeira. O censo elaborado pola Xunta no ano 2022 reflicte que a poboación de lobo ibérico se mantén estable na Comunidade ao ter rexistradas 93 mandas -tres máis das que había en 2013- cunha presencia xeral no 91 % do territorio.

Así, ante eses datos, que indican que o estado de conservación do lobo na Comunidade non é desfavorable, Galicia agarda que o Goberno central rectifique a súa decisión de incluílo no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (LESRPE). De feito, segundo lembrou a conselleira, as autoridades europeas comparten esta postura e a proposta para rebaixar o estatus de protección do lobo en aras a adaptalo á realidade en cada país sigue adiante, a pesar do voto en contra do representante español.

Na reunión participaron representantes da Federación de razas autóctonas de Galicia (Boaga), da Asociación de criadores de cabalos de Pura Raza Galega (Puraga), da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), da IXP Ternera Gallega e da Federación Frisona Galega (Fefriga).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2024