A Xunta deixará á vista a escaleira escavada no cubo LXXI da Muralla, xunto á praza do Ferrol

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que é unha das máis grandes atopadas, está en bo estado e cerca do ascensor ao adarve, facilitando o acceso de todas as persoas interesadas

Lugo, 10 de outubro de 2024

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude decidiu deixar visible a escaleira recentemente escavada no cubo LXXI da Muralla, e está traballando no proxecto para determinar a protección que instalará tanto para a súa conservación como para a seguridade das persoas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que se adoptou esta medida tras valorar distintos factores, entre os que destacan o bo estado de conservación e as súas dimensións, xa que se trata dunha das máis grandes atopadas no monumento. Tamén se tivo en consideración a situación, xunto ao ascensor de acceso ao adarve, o que facilitará a visita por parte de todas as persoas interesadas.

Nas vindeiras semanas executarase esta actuación, que complementa as obras levadas a cabo no lenzo interior do cubo LXXI. Arias sinalou que a Consellería está investindo máis de 450.000 euros neste punto e na restauración do cubo XVIII, en ambos casos para resolver problemas de filtración de humidades.

Inicialmente estaba previsto realizar a escavación arqueolóxica e os traballos precisos para impermeabilizar e asegurar os muros, proceder á documentación e estudo dos achados, e finalmente repoñer o lenzo ao seu estado anterior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2024