O presidente asiste á entrega dos premios ‘Escola no Camiño 2024’

Rueda destaca o papel da mocidade na preservación do Camiño de Santiago e da cultura galega

Resalta que Galicia bateu a principios de outubro o récord total anual de peregrinos que visitaron Santiago, superando as 446.100 compostelas de 2023

Vigo, 10 de outubro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel da mocidade á hora de preservar e divulgar o Camiño de Santiago como un elemento fundamental da cultura de Galicia: “Mentres a xente nova, os que estades aquí e tantos colexios en toda Galicia, vivades o Camiño, o Camiño ten futuro. Teño aquí diante o futuro de Galicia”, resaltou.

Durante a entrega dos premios ‘Escola no Camiño’, organizados por Faro de Vigo e La Opinión A Coruña e El Correo Gallego xunto a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades de FP, salientou que este tipo de iniciativas permiten que os escolares descubran as rutas xacobeas e reflexionen sobre o significado dun Camiño milenario que desde hai séculos permite unir culturas e promover a convivencia entre pobos: “A través do Camiño de Santiago apréndese todo”, apuntou o presidente.

Rueda resaltou que Galicia bateu a principios de mes o récord total anual de peregrinos, ao superar as 446.100 compostelas de 2023, con case dous meses do ano aínda por diante: “Iso é unha cousa que vai a máis porque os que veñen de fóra se dan conta de como queremos aquí o Camiño”, destacou.

Nesta terceira edición de ‘Escola no Camiño’ participaron 70 centros de Educación Primaria, Secundaria e Bacharelato das provincias da Coruña e Pontevedra e que máis de 2.000 alumnos presentaron os seus traballos na categoría de Debuxo e máis de 300 en Literatura e Audiovisual.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2024