A Xunta achega en EEUU o potencial de Galicia como destino termal e de benestar no International Spa Heritage Festival

Turismo de Galicia ultima o novo Plan de Turismo Termal que inclúe axudas para renovar as infraestruturas termais da Comunidade

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2024

Turismo de Galicia está a participar no International Spa Heritage Festival que congrega en Nova York a oferta de patrimonio termal, saúde e benestar desde hoxe ata mañá xoves. En concreto, a proposta da Comunidade galega desenvólvese baixo o título de Galicia: Spa Pilgrimage in Spain, e céntrase sobre todo en dúas das señas de identidade como son o Camiño de Santiago e a oferta de balnearios.

Galicia: Spa Pilgrimage in Spain é unha proposta de Turismo de Galicia que pon en valor, por un lado, a oferta termal e de saúde da Comunidade galega vinculada por unha xeografía bañada por ríos e un litoral de máis de 1.500 quilómetros, e por outro, a relación desta cos roteiros do Camiño de Santiago e os beneficios desta oferta para os miles de peregrinos que cada ano optan por percorrelo.

Neste sentido, a Xunta de Galicia é consciente da importancia e potencialidade da oferta de turismo termal e con fin de incentivala aínda máis, está a ultimar o Plan de Turismo Termal, que incluirá entre outras medidas, accións para renovar as infraestruturas termais galegas.

Benestar do peregrino

O programa Galicia: Spa Pilgrimage in Spain unha ampla e variada serie de paquetes turísticos dos diversos establecementos participantes, que combinan etapas do Camiño con estancias balnearias, orientados ao benestar do peregrino. Turismo de Galicia deseñou esta nova proposta en base á riqueza termal e mineromedicinal que alberga Galicia, distribuída por toda a xeografía e que se cruza cos Camiños de Santiago, xerando unha oportunidade de primeiro nivel para o lanzamento desta nova experiencia.

Data de actualización: 09/10/2024