O presidente da Xunta participou no inicio do curso académico do CSHG no ano no que se conmemora o seu 30 aniversario

Rueda destaca a contribución do Centro Superior de Hostalería á calidade do sector turístico galego

Destaca as melloras que se acometeron para flexibilizar e mellorar o acceso a estes estudos

Valora a importancia de contar con profesionais ben formados para manter o crecemento e estándares de calidade do sector turístico galego

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a contribución do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), que este ano conmemora o seu 30 aniversario, á calidade do sector turístico galego. Así o apuntou esta mañá no acto de inicio do curso académico, no que comezan estudos de primeiro ano un total de 102 alumnos, fronte aos 54 do ano pasado. En total, haberá 244 alumnos en todas as etapas formativas do CSHG.

Na súa intervención, o titular do Executivo autonómico citou a boa marcha e atractivo dun sector turístico que vén rexistrando moi bos datos nos últimos anos, salientando a importancia de contar cun persoal profesional e ben formado para seguir mantendo os estándares de calidade que caracterizan o turismo galego, especialmente nestes momentos de crecemento do sector.

Rueda atribuíu o éxito de Galicia neste eido á “nova maneira de facer turismo que busca sitios e sensacións como as que ofrecemos aquí”, incidindo en que “non vai servir de nada ter magníficas paisaxes, ser un espazo aberto, non masificado, se despois a xente chega e non encontra os mellores profesionais”.

O responsable do Goberno galego tamén destacou o papel que xogan as medidas que se tomaron para favorecer a accesibilidade aos estudos que oferta o CSHG. Neste sentido, rebaixouse un 50% o prezo da matrícula e duplicáronse o número de bolsas creando, ademais, dúas tipoloxías novas destinadas a recoñecer a excelencia académica e para favorecer o retornos dos galegos de exterior. Ademais, este ano é o primeiro que se imparte o curso superior de chef e pastelería, un título propio no que hai matriculadas 20 persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/10/2024