O presidente da Xunta participou no acto de celebración do 50 aniversario do COAG

Rueda pon en valor o papel fundamental dos arquitectos galegos á hora de impulsar a vivenda pública e a rehabilitación

Lembra que a Administración autonómica se fixa como obxectivo para esta lexislatura duplicar o número de vivendas públicas ata chegar ás 8.000 ou facilitar solo para construír 25.000 novas vivendas

Felicita ao Colexio de Arquitectos de Galicia por cinco décadas contribuíndo a promover unha arquitectura responsable, sostible e acorde ás necesidades da Comunidade

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor o papel fundamental dos arquitectos galegos á hora de impulsar a vivenda pública e a rehabilitación.

O titular do Goberno galego participou no acto de celebración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), onde estivo acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.

Durante a súa intervención, Rueda lembrou que a Administración autonómica se marca obxectivos moi ambiciosos en materia de vivenda, como duplicar o número de vivendas públicas ata chegar ás 8.000 nestas lexislatura; facilitar solo para construír 25.000 novas vivendas (20.000 delas protexidas e 5.000 libres); e seguir impulsando a rehabilitación, especialmente nos centros históricos, con figuras como as Áreas Rexurbe.

O presidente da Xunta apuntou que ante estes desafíos cómpre intensificar a cooperación co COAG, lembrando que esta xa se plasma en iniciativas como o Proxecto Terra, que está contribuíndo a que milleiros de escolares melloren o seu coñecemento sobre o medio, a paisaxe e o territorio, ou na colaboración para que os técnicos conten con guías para interpretar mellor a normativa sectorial.

Na súa intervención, Rueda felicitou ao Colexio de Arquitectos de Galicia por cinco décadas contribuindo a promover unha arquitectura responsable, sostible e acorde ás necesidades de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2024