Medio Rural porá en marcha este 2024 unha aplicación para viticultores que axudará no uso de tratamentos na vide

Esta iniciativa enmárcase no proxecto Fitovit, que promove a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia -adscrita á Consellería-, segundo explicou no Parlamento o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte

Tamén na Comisión 7ª, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, detallou a situación dos procesos de concentración parcelaria no concello ourensán de Cartelle

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, salientou o intenso labor de control que vén realizando a Xunta nos últimos anos en relación coa gripe aviaria

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2024

Antes de que remate este ano os viticultores galegos disporán dunha aplicación informática pública (web e móbil) que axudará á toma de decisións sobre a utilización de posibles tratamentos fitosanitarios no viñedo. Así, poderán contar con información preditiva respecto da incidencia das enfermidades máis recorrentes da viticultura galega, tales como o Mildiu, o Oídio, o Black-rot ou a Botrite. Esta iniciativa enmárcase no proxecto Fitovit, promovido pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia -adscrita á Consellería do Medio Rural-, tal e como explicou esta mañá o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, en resposta a unha pregunta sobre o tema na Comisión 7ª do Parlamento.

Na súa intervención, o director lembrou que neste proxecto participan, como axentes cooperantes, un total de 24 entidades repartidas entre as cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia, así como a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, para a utilización dos seus modelos de predición meteorolóxica e rede de estacións públicas.

Nesta liña, Alemparte sinalou que, entre os obxectivos da iniciativa, están os de informar do risco sanitario do viñedo galego en tempo real para mellorar a eficacia dos tratamentos, aplicándoos no momento oportuno, e reducir os danos ocasionados polas enfermidades endémicas o organismos nocivos en xeral, así como o número de tratamentos fitosanitarios.

Ademais, trátase tamén de xerar menos residuos, achegar unha maior rendibilidade económica ao sector, mellorar a súa profesionalidade e contribuír na loita fronte ao cambio climático e á imaxe da calidade dos viños galegos a través da sustentabilidade. Asemade, a aplicación forma parte das medidas a prol da dixitalización do sector vitivinícola na nosa comunidade.

 Parcelarias de Cartelle

Por outra parte, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, detallou, en resposta a outra pregunta, a situación dos procesos de concentración parcelaria no concello ourensán de Cartelle, indicando que, a día de hoxe, neste municipio hai nove zonas de reestruturacion, das cales catro están rematadas e as cinco restantes en diferentes fases de tramitación. Entre elas, na parcelaria da parroquia de Cartelle redactouse a acta de reorganización da propiedade, que supón a súa protocolización e posterior remisión á Notaría, actuacións previas e necesarias para a entrega dos títulos, explicou a directora.  Actualmente, engadiu, o trámite atópase en mans da Notaría de Celanova.

Ademais, Rodríguez resumiu os principais datos sobre a situación e evolución da concentración parcelaria en Galicia, indicando que a Xunta leva investidos desde o ano 2009 un total de 118 millóns de euros para este fin, que dende o ano 2020 rematáronse un total de 33 procesos e, a maiores, que dende o 2021 decretáronse 29 novas parcelarias na nosa comunidade, entre outras cifras.

Gripe aviaria

Pola súa banda, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, salientou o intenso labor de control que vén facendo a Xunta nos últimos anos en relación coa gripe aviaria. Así, explicou que se leva realizado un volume de mostraxe moi elevado e con tendencia á alza, debido á sensibilización das partes implicadas nas tarefas de vixilancia.

O director xeral enmarcou estes traballos no programa de vixilancia desta doenza que, tal como explicou, contempla accións de vixilancia pasiva (comunicación dos casos sospeitosos, para proceder á toma de mostras) e activa, a través dun procedemento de mostraxe predefinido en determinadas granxas avícolas elixidas mediante unha análise de risco. Medidas todas elas que son acordes coa situación actual de risco en Galicia. Balseiros trasladou, así mesmo, que todos os axentes facultativos medioambientais e gardas de recursos naturais participan nas tarefas de vixilancia en aves silvestres, sumando un total de 184 efectivos.

Data de actualización: 04/10/2024