Lete Lasa confía en que o Deportivo Liceo “reverdecerá os seus laureis” nesta nova tempada que comeza coa Supercopa da Coruña

O secretario xeral para o Deporte destaca os nove metais acadados pola patinaxe galega nos World Skate Games de Italia dos que catro ouros foron conseguidos por deportistas galegos de hóckey patíns: Jacobo Copa coa sub 19, María Sanjurjo coa absoluta feminina e César Carballeira e Ignacio Alabart coa absoluta masculina

A Coruña, 4 de outubro de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da OK Liga 24/25 e da Supercopa de España de Hóckey Patíns que terá lugar esta fin de semana no Pazo dos Deportes de Riazor. O mandatario galego enxalzou ao Deportivo Liceo e aos seus 43 títulos nacionais e internacionais que o converten no club máis laureado de Galicia, ao tempo que amosou a súa confianza en que nesta tempada “reverdecerá os seus laureis” e pelexará por novos éxitos como a Copa do Rei de 2021, a Supercopa de 2021 ou a OK Liga de 2022.

Neste sentido, o responsable da carteira de Deportes destacou o excelente momento da patinaxe galega que vén de acadar nove metais nos World Skate Games de Italia. Destes nove metais, case a metade foron conseguidos por deportistas galegos de hóckey patíns, sendo todos eles medallas de ouro: a de Jacobo Copa coa selección sub 19, a de María Sanjurjo coa selección feminina absoluta, e as de César Carballeira e Ignacio Alabart coa selección masculina absoluta. Lete Lasa destacou, ademais o protagonismo galego nas finais dos mundiais de hóckey patíns xa que tanto Jacobo como María e César acadaron goles decisivos para as súas seleccións.

Estes éxitos, dixo o secretario xeral, permiten que, a Federación Galega de Patinaxe conte con máis do dobre das licenzas que tiña en 2009, chegando hoxe ás 5.840, sendo o 34% femininas. Con respecto ao alto nivel, Lete Lasa destacou o músculo galego enumerando os equipos galegos que compiten nas máximas divisións como o Liceo, na OK Liga; o Dominicos, na OK Liga Prata; o HC Coruña e o HC Raxoi na OK Liga Iberdrola; e o Berenguela, o Cambre e o Ponteareas na OK Liga Prata Feminina.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2024