O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reuniuse co alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos

A Xunta avanza na súa colaboración co concello ourensán de Castrelo de Miño para impulsar a xeración de emprego e a promoción da artesanía

No encontro tamén participou o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén

Tratáronse cuestións como os obradoiros de emprego duais, o programa Aprol Rural que promove contratacións para avanzar na prevención de incendios forestais e o festival Espírito Ribeiro que vén sendo apoiado pola Fundación Artesanía de Galicia

Ourense, 6 de outubro de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, reuniuse esta semana co alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, co gallo de avanzar na colaboración entre a Xunta e este concello ourensán. Nese senso, abordáronse ferramentas como os obradoiros de emprego, o programa Aprol Rural e o festival Espírito Ribeiro que vén sendo apoiado pola Fundación Artesanía de Galicia.

No primeiro caso, cabe destacar o apoio do Goberno galego ao obradoiro dual Territorio Avia-Miño, compartido entre os concellos de Castrelo de Miño, Ribadavia e Carballeda de Avia e que recibiu unha axuda de preto de 426.000 euros no marco da convocatoria deste ano. Unha acción cunha vintena de persoas participantes que recibirán formación ao tempo que desempeñan un traballo remunerado e que se centrará, por unha banda, en servizos de bar e cafetaría e, por outra, en operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción. De cara a anos vindeiros, puxéronse sobre a mesa propostas novas que poderían ser obxecto doutros obradoiros de emprego compartidos entre varios consistorios e apoiados pola Xunta, co gallo de dinamizar a súa economía e emprego.

No encontro tratáronse outras vías de colaboración con Castrelo de Miño como o programa Aprol Rural que -cunha achega autonómica total superior aos 54.000 euros- permitiu a contratación este ano de tres persoas nese municipio co gallo de levar a cabo tarefas relacionadas coa prevención de incendios forestais nas faixas secundarias. En concreto, para realizar traballos de planificación preventiva, valorización forestal, silvicultura, limpeza de montes ou xestión da biomasa.

Por último, na xuntanza abordouse o apoio da Fundación Artesanía de Galicia ao festival Espírito Ribeiro, que terá continuidade en 2025 e que implica os concellos de Castrelo de Miño, A Arnoia e Cenlle.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2024