A Xunta pon en marcha actividades de divulgación da arte rupestre en Campo Lameiro ata finais de ano

As iniciativas comezan o 9 de outubro co gallo do Día Internacional da Arte Rupestre 

Campo Lameiro (Pontevedra), 6 de outubro de 2024

A Xunta de Galicia prevé un amplo abano de actividades culturais e educativas que se desenvolverán no último trimestre do ano no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro. Trátase dunha programación dirixida a todos os públicos que ten por obxectivo achegar o legado prehistórico á poboación a través de experiencias interactivas e accesibles.

As actividades comezarán o día 9, coincidindo co Día Internacional da Arte Rupestre, ás 17,30 horas cunha visita guiada na que os visitantes terán a oportunidade de explorar e coñecer de preto os enigmáticos petróglifos da Idade de Bronce. Durante este mes tamén se celebrará o Día Internacional da Astronomía, o día 11, desde as 19,30 horas, cun percorrido que mesturará o coñecemento dos restos arqueolóxicos coa astronomía.

Xa durante o mes de novembro, terá lugar un obradoiro para a creación de adornos funerarios no que, durante os días 1 e 3 de novembro, os asistentes poderán celebrar o Samaín dun xeito educativo, xa que aprenderán sobre antigos rituais da Prehistoria en Galicia e, ademais, crearán unha xoia inspirada nun colar de variscita e ámbar como o exposto no centro museístico.

No último mes do ano lanzarase unha edición especial do programa Arte Compartida, con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o 3 de decembro, onde terá lugar unha iniciativa á que se invitarán a asociacións que traballan con persoas discapacitadas para levar a cabo obradoiros e visitas guiadas adaptadas, co obxectivo de promover a inclusión e a creatividade a través da arte e do patrimonio cultural.

 

Para participar en calquera das actividades a reserva pode facerse directamente na plataforma www.paar.es.

Data de actualización: 06/10/2024