O director de Augas de Galicia visitou as obras que o organismo está a executar na contorna do río Anllóns ao seu paso por este municipio

A Xunta reabre o tráfico peonil na ponte da rúa Sol de Carballo e fará o mesmo co rodado antes de que remate este mes

As actuacións na zona, cun investimento da Xunta de máis de 6 millóns de euros, pretenden mellorar a capacidade de desaugue do río e minimizar as inundacións en momentos de condicións meteorolóxicas adversas

Roi Fernández agradece a colaboración do Concello para a execución duns traballos que mudarán a imaxe da zona fluvial urbana do municipio e mellorarán a súa resiliencia a episodios extremos

Carballo (A Coruña), 4 de outubro de 2024

O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, visitou as obras que o organismo hidráulico está a realizar en Carballo para paliar os asolagamentos na contorna do río Anllóns, onde anunciou que hoxe se reabre o tráfico peonil na ponte da rúa Sol e que nas vindeiras semanas -antes de que remate o mes- se fará o mesmo co tráfico rodado. 

Deste xeito, o Executivo galego avanza nas actuacións acordadas co Concello para mellorar a capacidade de desaugue do río e minimizar os efectos das inundacións acordadas co Concello e que están recollidas nun convenio de colaboración que conta cun orzamento de máis de 6 millóns de euros.

Roi Fernández lembrou que dúas das cinco actuacións previstas nese acordo xa están rematadas, como son a realización dun by-pass na zona de Muíño do Quinto e a remodelación integral do parque de San Martiño. Mentres, estase a avanzar na tramitación e execución das obras na rúa Sol -xa moi avanzadas-, na rúa Fomento e na mellora hidráulica do río ao seu paso polo enlace entre as estradas AG-55 e a AC-552. 

No caso dos traballos na rúa Sol -que visitou o director de Augas de Galicia- o investimento supera os 1,7 millóns de euros e a previsión é que estean rematados antes de que conclúa o ano. Neles inclúese o derrubamento dun edificio existente na contorna, a remodelación da ponte e a creación dunha canle de augas altas na propia rúa. 

O representante do organismo autonómico incidiu en que o conxunto das obras -que se prolongarán ata 2025- farán que esta zona urbana estea máis preparada e segura ante episodios meteorolóxicos adversos e posibles asolagamentos. Nesta liña, agradeceu a boa sintonía e colaboración co Concello, que aportou os terreos necesarios para executar as actuacións e resolveu todas as cuestións relativas á súa dispoñibilidade. 

Nesta liña, o director de Augas de Galicia subliñou que as obras fan que Carballo sexa máis resiliente ante este tipo de escenarios adversos ao tempo que contribúen a mudar a imaxe da zona fluvial urbana do municipio. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2024