Román Rodríguez subliña a importancia que xogan a educación e a formación para garantir un uso ético e responsable das novas ferramentas tecnolóxicas

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, participa na ‘Pythom Conference España’, un evento internacional sobre esta linguaxe de programación

Vigo, 5 de outubro de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez,asistiu hoxe á Python Conference España, o evento sobre esta linguaxe de programación referente para tecnoloxías como a intelixencia artificial, a robótica, a ciencia de datos e o big data que reúne na cidade olívica a preto de 1.000 profesionais a nivel internacional.  

O titular de Educación e Ciencia do Goberno galego, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, subliñou a importancia do papel que xoga a educación e a formación para garantir un uso “ético e responsable” das novas ferramentas tecnolóxicas, ao tempo que gabou as oportunidades que se abren para avanzar en equidade e igualdade de oportunidades de aprendizaxe, xa que a tecnoloxía “non representa unha ameaza, senón un recurso sen parangón para o ensino presente e futuro”. 

Nese contexto, explicou que desde a Consellería se está traballando para “asegurar unha canalización correcta da intelixencia artificial desde a educación, pola educación e para a educación”, a través de proxectos como EdugalIA, unha iniciativa pioneira da Xunta para que Galicia se converta na primeira comunidade en incorporar a IA á xestión educativa, ou o desenvolvemento dun marco ético que oriente cara un uso responsable e respectuoso desta tecnoloxía. 

No marco deste evento desenvólvense máis de 70 charlas, talleres e conferencias para compartir coñecemento e experiencias sobre o uso da linguaxe Python, no eido tecnolóxico en xeral e tamén desde a perspectiva da atención á diversidade e a inclusión. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2024